Hai 30 anos o exalcalde lucense Notario Vacas instalaba, de xeito provisional, unha pasarela que, paralela á Ronda da Muralla, permitía aos peóns cruzar dende San Roque ata Monterio Ríos sen arriscarse a camiñar entre o tráfico.
Tan provisional foi a antedita pasarela que hoxe, trinta anos despois, e tras numerosos anuncios, a rexedora de Lugo anunciaba, por fin, o inicio das obras de urbanización desta esquina de San Roque coa Ronda da Muralla.
Un proxecto co que o Concello pretende non só poñer en valor un enclave no que conflúen dous Bens Mundiais, como son o Camiño Primitivo e a Muralla, senón tamén dignificar unha das principais entradas ao recinto histórico da cidade e que, logo de ser autorizado inicialmente o pasado mes maio, recibía en outubro o visto e prace definitivo da Xunta de Goberno, co informe favorable da Dirección Xeral de Protección do Patrimonio Cultural, dando por concluído o procedemento burocrático.
Entre os detalles técnicos da actuación, a alcaldesa lembrou hoxe que os traballos “contemplan tarefas de demolición e reposición de pavimentos na calzada, apertura de gabias para redes de servizos, derruba de muros e de dúas edificacións en San Roque (números 5 e 7), así como a construción da infraestrutura para a nova beirarrúa. Obras que afectan ao subsolo nunha zona de ámbito PEPRI polo cal será a obrigatoria a realización das escavacións arqueolóxicas o que esixe, á súa vez, un proxecto de control permanente sobre as mesmas”, sinalou a rexedora
Os labores, que comezaron hoxe, están cuantificados en 123.757 euros e terán un prazo de execución de 6 meses. Completaranse, alén, coas medidas necesarias para o establecemento da prioridade peonil do devandito Carril das Flores, incorporando elementos de sinalización e regulación viaria e, en canto ao deseño do firme, procurarase a continuidade do trazado do Camiño sobre a rúa de San Roque e a Rolda da Muralla, sen perder de vista a futura perspectiva dunha recuperación total dos usos peonís en todo o ámbito, dentro dos futuros plans de mobilidade e circulación que poida deseñar o Concello.
Así, a actuación prevista implicará a erradicación daqueles espazos que, pola súa configuración actual, resultan insalubres ou entrañan situacións de risco para a veciñanza como pode ser a pasarela de acceso aos establecementos comerciais. Isto reverterá, igualmente, noutros aspectos da seguridade cidadá, de forma especial en horario nocturno, porque a reforma pretende minimizar as consecuencias para a poboación por cuestións de xénero.