Os tenentes de alcaldesa e edís Miguel Fernández e Ana Abelleira supervisaron este martes a instalación do recinto que acollerá unha nova edición do Caudal Fest para coñecer in situ como evoluciona a súa montaxe. A cita celebrarase este venres 16 e sábado 17 á beira do Miño.
A edición deste ano é unha das máis agardadas, pois o festival recupera o seu formato tralas restriccións pola pandemia, e faino co cartel máis ambicioso que tivo ata o momento, con máis de 20 artistas e grupos. O venres, os concertos comezarán ás 17:10 horas e rematarán ás 04:00; mentres que o sábado a cita arrancará ás 17:30 horas e finalizará ás 02:55. A apertura de portas será ambos días a partir das 16:45 horas, os horarios detallados de cada concerto poden atoparse no enlace: https://bit.ly/3qz9ViF
Programación variada e de calidade
O cartel desta edición presenta unha gran calidade e variedade musical con artistas e grupos consolidados e outros de recente proxección que arrasan entre a mocidade. Así, o Caudal volverá ser o epicentro da música en directo en Galicia con actuacións como as de: Robe, que durante máis de tres décadas actuou como líder de Extremoduro, a maior banda de rock en castelán de todos os tempos; Estopa, un dos fenómenos musicais máis importantes das últimas décadas en España; Morad, o artista emerxente máis escoitado a nivel nacional dentro do xénero urbano; ou Izal, unha das formacións máis grandes dos últimos dez anos no noso país.
León Benavente, Ilegales, Delaossa, Cupido, Ciudad Jara, Mujeres, Fresquito y Mango son outros dos nomes destacados do festival de Lugo neste 2022. Así mesmo, a presenza de artistas galegos tamén está garantida coas actuacións de Terbutalina, Grande Amore ou Apart, así como dos lucenses de Forget La France e Infrarroja.
Dispositivo especial de seguridade
Unha dotación de bombeiros e tres unidades permanentes da Policía Local realizarán un amplo despregamento na zona. Este operativo especial terá por obxecto a regulación do tráfico e o control da seguridade viaria; a preservación da seguridade cidadá e a orde pública, e a prevención de delitos contra a saúde pública e contra o patrimonio. Tamén haberá un posto de información sobre a prevención de consumo de alcol. Pola súa banda a subdelegada do Goberno, Isabel Rodríguez, avanzou o apoio da Policía Nacional e da Agrupación de Tráfico da Garda Civil.
Punto violeta
A través da concellería de Muller e Igualdade, instalarase un punto violeta con motivo da celebración do Caudal Fest co obxectivo de previr as agresións sexuais que poidan darse no espazo público.
Neste punto, este ano en forma de caravana morada, levaranse a cabo labores de información, asesoramento, sensibilización e atención a posibles vítimas de agresións sexistas. Estará atendido por unha psicóloga e unha traballadora social, ambas con formación e experiencia acreditada en cuestións de xénero. Co obxectivo de prestar o servizo máis apropiado en canto a atención e sensibilización ante posibles vítimas, así como o de informar en materia de igualdade á cidadanía en xeral.