Comeza o curso escolar para 20.334 alumnos de infantil e primaria da provincia

Hoxe comezan o curso escolar os alumnos de infantil e primaria na provincia, e a delegada territorial da Xunta en Lugo, Raquel Arias, optou este ano para participar no arranque do curso escolar 2015-2016 nun centro educativo situado no medio rural, “que son maioría na nosa provincia”, o CEIP Plurilingüe do Corgo, para “visualizar” que a Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria está comprometida co “ensino público de calidade” en todos os centros educativos “independentemente da súa ubicación xeográfica”.

O novo curso académico en educación Infantil, Primaria e Educación Especial “iniciouse con normalidade”, segundo dixo a delegada territorial, para os 20.334 cativos, 276 máis que o ano pasado, que hoxe se incorporaron ás aulas. Preto de 13.600 en Primaria e 6.646 en Infantil.

Raquel Arias salientou que”un ensino público de calidade, ademais dunhas instalacións dignas e axeitadas ás necesidades específicas de cada tramo educativo, que na medida das posibilidades orzamentarias a consellería tenta sempre ter a punto, ten que dispoñer de ferramentas adaptadas aos tempos”.

Neste senso salientou que neste curso incorpóranse catro centros máis (Ceip de Covas en Viveiro e os CPIs de Castroverde; Tino Grandío de Guntín e o Plurilingüe de Navia de Suarna) aos 11 que o ano pasado iniciaron o proxecto de libro dixital E-DIXGAL. “Tamén neste programa toman protagonismo os colexios rurais”, indicou Arias, quen mencionou ademais, “como novidades deste curso” que o Plan de Mellora de Bibliotecas Escolares (PLAMBE), que conta con preto de 62.000 euros de achegas para os seus 69  integrantes na provincia, incorpora nesta décima edición cinco centros máis: CEIP Albeiros e Sagrado Corazón, en Lugo capital; o CEIP Plurilingüe Santa Rita de Viveiro e os IES Ánxel Fole e IES Santiago Basanta Silva de Lugo e Vilalba respectivamente.

A delegada territorial tivo palabras de “ánimo e recoñecemento” para todo o persoal docente e auxiliar que co seu traballo, “nunca suficientemente valorado, son os encargados de guiar e instruir en valores aos alumnos, ademáis de transmitir coñecementos”.

O colexio público de O Corgo, con 82 alumnos matriculados, é un dos centros da provincia beneficiario do plan de reparación, ampliación e mellora (RAM) deste ano, que no conxunto da provincia supuxo un investimento próximo aos 1,2 millóns de euros. Neste caso as melloras consistiron na reparación da cuberta na zona da cociña por importe de 18.000 euros.

A delegada territorial, acompañada polo director do centro, entre outros membros do persoal docente, e o alcalde da localidade, José Antonio Ferreiro, apreveitou a ocasión para inspeccionar os resultado dos traballos que, como acontece en todas as obras de certa envergadura, realizáronse durante o verán para non interferir na normal actividade docente.

Segundo explicou Raquel Arias, todas as obras realizadas ao amparo do RAM deste ano na provincia están rematadas agás no CEIP da Gándara en Monforte de Lemos, por mor dun retraso no subministro do ascensor co que se dotou ao centro e que supuxo un investimento de 40.000 euros; e no CEIP de Mondoñedo, no que a fin de obra, consistente no cerramento da pista deportiva, asinouse hoxe mesmo polo que “en ningún dos dous casos esta circunstancia interferiu no normal inicio da actividade escolar”.

A delegada territorial puxo en valor as obras acometidas por importe de 107.000 euros ao abeiro do RAM en Lugo capital, onde hoxe se incorporaron as clases máis de 7.300 alumnos.

Así, no que a educación Infantil e Primaria se refire, cabe salientar pola súa cuantía as melloras acometidas no CEIP As Mercedes, que van dende melloras nos aseos, a cambio de ventás ou reformas no porche, entre outras actuacións menores, por importe de 55.000 euros. Tamén as realizadas no CEIP Benigno Quiroga Ballesteros, no que se cambiou o toldo do patio cuberto, ou a mellora das pistas do CEIP Anexa, que ascenden a algo máis de 20.000 euros.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com