Logo de trece días de que comezaran as mobilizacións a prol de conseguir uns prezos rendibles para o leite, onde entre outras accións os útlimos días consistiron no bloqueo das centrais leiteiras, os gandeiros, tomaron esta tarde a decisión de abandonar as protestas, xa que segundo algúns representantes do sector consideran que xa se conseguiron algunhas das reivindicacións que se viñan demandando.
Asemade acordaron finalizar a folga de entrega do leite, polo que a partir deste momento normalizarase a recollida por parte das industrias lácteas. Malia que o preacordo asinado por algunhas centrais sindicais e representantes da industria, que foi rexeitado por parte do sector, representantes da plataforma sinalaron que se conseguiu aumentar o prezo do leite en orixe e que se non se cumpre o acordado, as empresas serán sancionadas, aínda que isto último é algo que está por ver, xa que dende o punto de vista legal e segundo algúns especialistas isto xera controversia.
Dende Fruga (Federación Rural Galega) van seguir presionando ata o día 23 e en declaracións feitas a este xornal por Elías Ferreiro, membro desta federación, van concentrarse diante das distribuídoras para esixir que se constitúa unha comisión de seguimento que vixie que se cumpran os acordos, porque doutro xeito, declarou, que non será posible o control dos pactos acordados.