Comeza o proceso de selección dos Obradoiros de Emprego cos que colabora a Xunta

O delegado territorial da Xunta en Lugo, José Manuel Balseiro, presidiu esta mañá a reunión cos alcaldes e representantes municipais do medio cento de concellos da provincia de Lugo que se benefician das axudas da Xunta polas que se financian os obradoiros de emprego.

A reunión tiña por obxecto coordinar e consensuar o calendario, tanto no que respecta á selección do futuro alumnado, como no relativo á contratación do persoal de dirección, administración e docencia. A Xunta estima que os obradoiros permitirán a contratación de 472 persoas.

Os primeiros en iniciar este proceso serán os obradoiros do programa de garantía xuvenil, que teñen como destinatarios a menores de 30 anos. A selección comezará mañá mesmo, coa intención de que estean xa en marcha antes de que remate este mes. Na nosa provincia hai concedidos dous: un en Ribadeo e outro en Lugo.

Por outra banda, os 18 obradoiros restantes, que se impartirán na modalidade dual, teñen estimado o comezo do proceso de selección a partir do día 19 de setembro, co obxecto de que podan poñerse en marcha ao longo do mes de outubro.

Balseiro explicou que a primeira parte do proceso de selección corresponde ás oficinas de emprego que a Xunta ten distribuídas ao longo da provincia. Os interesados deberán estar inscritos como demandantes de emprego nas categorías ou especialidades nas que se desenvolvan cada un dos obradoiros e, no caso de menores de 30 anos, formar parte do programa de Garantía Xuvenil.

En segunda fase, a selección do alumnado-traballador, así como a do persoal directivo, docente e administrativo será realizada, por un grupo de traballo mixto constituído para tal fin por representantes da Consellería de Economía, Emprego e Industria e dos concellos dos que se trate, atendendo a unhas bases establecidas previamente e a criterios de igualdade e obxectividade.

Na presente convocatoria, a Xunta de Galicia destina 5,5 millóns de euros á posta en marcha dunha vintena de obradoiros de emprego na provincia de Lugo, todos os solicitados.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com