Este luns comezaron as obras de arranxo do firme da ponte de Uriz, no Concello de Begonte, tras o afundimento de parte da vía, a estrada LU-P-5101 á altura do punto quilométrico 1,100, ocorrido hai cinco días. Para poder acometer os traballos, dende esta mañá, o tramo afectado quedou pechado ao tráfico cos desvíos alternativos correspondentes debidamente sinalizados. Estas sinalizacións situáronse na rotonda do polígono industrial de Rábade, no cinto comarcal de Begonte e nos accesos procedentes de Pena de Rodas, Begonte, Outeiro de Rei e Friol.
Os traballos de arranxo, que se acometen con cargo ás tarefas de conservación da rede viaria provincial, terán un custe aproximado de 10.000€ e consistirán no baleirado e rexeneración con formigón da parte da calzada afundida e a posterior reconstrución do firme con aglomerado.
Está previsto que as obras rematen e a circulación de vehículos quede normalizada no prazo duns dez días.