O Ministro de Fomento, Íñigo de la Serna presidiu hoxe en Melide o acto de primeira pedra das obras do tramo Palas de Rei – Melide da autovía A-54 entre Lugo e Santiago de Compostela, que discorre polos termos municipais de Palas, Melide e Santiso.
Co inicio das obras deste tramo e o vindeiro inicio do tramo contiguo, Melide – Arzúa, todo o trazado da A-54 estará en servizo ou obras na presente anualidade; e rematado, previsiblemente, a finais de 2021, catorce anos despois do previsto no proxecto inicial que estipulaba o fin das obras da autovía no 2007. O investimento do Goberno Central nesta actuación ascende a 82,7 millóns de euros
O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, estivo tamén presente neste acto no que reafirmou o anuncio de Fomento “todos temos xa a absoluta certeza de que os extremos desa liña se van unir e de que o van facer xa máis pronto que tarde”. Esta ruta, libre de peaxe, permitirá percorrer a distancia entre a capital galega e Lugo en menos dunha hora, a metade de tempo ca a actual estrada N-547.
O Presidente salientou que este tramo suporá máis calidade de vida, competitividade e oportunidades de acceso ao progreso e ao benestar para todos os veciños de Palas, Santiso e Melide. A autovía liberará a travesía desta vila de moito volume de tráfico, polo que os veciños e os peregrinos poderán circular con moita máis tranquilidade.
O presidente destacou tamén a complexidade técnica desta infraestrutura, que se realizará grazas a un investimento de máis de 70 millóns de euros do Goberno central. Ao longo dos 11,7 quilómetros que separan Palas de Melide construiranse un total de 16 estruturas, dos cales 5 serán viadutos, debido ás características das comarcas da Ulloa e Terra de Melide e á vontade de respectar a súa riqueza ambiental e patrimonial.
A autovía entre Lugo e Santiago abriu no 2015, catro treitos que supoñen o 40% do seu trazado. Isto exemplifica, segundo salientou o Presidente da Xunta, que o Goberno central tivo “a valentía de destinar a Galicia os recursos e os esforzos para empezar a acurtar o inxusto déficit en comunicacións que arrastraba esta terra”. O presidente explicou tamén que o Goberno central xa está a traballar no proxecto de enlace orbital para conectar a AP-9 e a A-54, conectando así de xeito pleno e completo a provincia de Lugo co Eixo Atlántico.