Comezan as obras para o control de accesos no casco histórico e reducir o tempo de estancia

Esta mañá comezaron as obras de modernización dos accesos rodados ao casco histórico, coas que se substituirán os bolardos retráctiles actuais por cámaras de lectura das matrículas co fin de axilizar as entradas e saídas e reducir o tempo de estancia dos vehículos na zona amurallada.

A alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, lembrou que con esta actuación “intentamos modernizar Lugo pero, especialmente,  protexer a zona histórica e, polo tanto, o noso rico patrimonio, desde un punto de vista medioambiental, rebaixando as emisións de CO2 así como a contaminación acústica e de vibracións, seguindo os piares do noso modelo de cidade, máis ecolóxica e amable”.

A rexedora lembrou, que as directrices europeas van encamiñadas á eliminación das barreiras físicas como medidas de control de accesos.

Cos novos controis, o Concello pretende tamén corrixir a picaresca actual, xa que as cámaras incorporarán de maneira automática o expediente sancionador de quen incumpre.

Os permisos de accesos se manterán, como até agora, para os  3.000 residentes que existen neste intre, así como para os vehículos de carga e descarga e os permisos especiais.

O novo sistema manterá as seis zonas de control de acceso existentes: a porta bidireccional da Rúa do Progreso; as portas de saída na rúa Amañá e Praza da Constitución e as de entrada en Luis Peña Novo, Porta de Santiago e na confluencia de Rolda da Muralla con rúa Vilalba. Esta última incorpora unha modificación xa que pasará a ser de dobre dirección ao igual que  a Porta Miñá.

A da Rolda coa rúa Vilalba trátase da actuación de maior entidade e que suporá reordenar o espazo urbano na zona peonil da Rolda inmediata á Porta de Bispo Aguirre, que xa foi valada esta mañá.  Así, estableceranse neste acceso dous carrís diferenciados: un de entrada, que transcorrerá pola marxe dereita, e outro de saída, pola esquerda da rúa e máis próximo á Muralla, que estarán regulados por semáforos. Esta mañá, as máquinas comezaron a levantar o pavimento de Bispo Aguirre para instalar as cámaras de control, así como a nova sinalización semafórica. A obra suporá tamén o traslado dos farois públicos ao centro da rúa.

Plan de tráfico

O novo plan de tráfico que entrará en vigor impedirá, de forma temporal, o acceso ao casco histórico dende a rúa Vilalba, establecéndose a Porta de Santiago como paso alternativo para residentes e vehículos autorizados. Unhas limitacións que se estenderán, aproximadamente, seis semanas, e que serán informadas coa sinalización pertinente.

A empresa encargada da execución dos traballos procedeu, igualmente, á colocación de carteis informativos no semáforo da rúa Santiago, no carril esquerdo da Ronda da Muralla, onde comeza a zona peonil así como tamén nas inmediacións das obras.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com