A concellaría de Medio Ambiente do Concello de Lugo, cursou a orde, este pasado xoves, para que os parques recuperen o seu aspecto habitual. O concelleiro, responsable, Álvaro Santos apela á responsabilidade dos pais e nais nesta nova etapa e lembra que os parques infantís e os biosaudables mantéñense pechados por orde estatal.
O acondicionamento dos case 900.000 metros cadrados de espazos verde municipais estarán a punto para as saídas dos nenos e nenas de ata 14 anos, sempre acompañados por persoas coa que conviven.
Asemade, mantense activo ao cen por cento o dispositivo especial de desinfección da cidade, que está operativo desde o primeiro día do estado de alerta, e que inclúen todas as rúas, prazas, mobiliario urbano, paradas de transporte público, baños públicos, colectores, varandas e ascensores, entre outros elementos. Santos explicou que “a totalidade do servizo encargado dos parques e xardíns, cifra que ronda os 40 empregados, traballa co fin de recuperar o aspecto habitual destas zonas antes do confinamento. O labor que están a desenvolver, xa a pleno rendemento, son traballos esenciais e os máis urxentes: segar, labores de poda e acondicionamento de zonas verdes”.
O edil lembrou que, dende que se decretou o estado de alerta, os operarios deste servizo realizaban só labores de mantemento a través de quendas.