Esta mañá comezaron nos xulgados de Lugo as declaracións dos principais investigados na Operación Pulpo que investiga delitos relacionados coa fraude de subvencións públicas e presuntos amaños en contratacións no seo da Deputación de Lugo.
O primeiro en declarar ante a xuiza Pilar de Lara era hoxe o xefe de protocolo da Deputación, Juan Carlos Fernández Pulpeiro, a quen a xuiza atribúe cinco delitos, entre eles prevaricación, tráfico de influenzas, fraude ás administracións públicas, malversación de caudais públicos e facilitación de información privilexiada. Á súa chegada ós xulgados, Pulpeiro dixo estar “moi tranquilo”.
Mañá será a quenda do expresidente da Deputación de Lugo e exsecretario xeral dos socialistas galegos José Ramón Gómez Besteiro, ao que se lle imputan ata seis delitos en relación con esta causa. Ás portas dos xulgados, a súa abogada Esperanza Ferreiro, cría que “non hai caso” e criticaba que a xuiza de Lara aínda non levantase o segredo de sumario sobre toda a causa.
Ferreiro agardaba ademais que se finalmente segue adiante o proceso de recusación da maxistrada no caso Garañón, no que tamén está imputado Besteiro, tamén se aparte á maxistrada da instrucción deste caso.
Pola súa banda, o actual presidente da Deputación Darío Campos referíase esta mañá a esta cuestión. Campos cre que cómpre deixar actuar á xustiza pero amósase convencido de que se acabará demostrando que o anterior Goberno provincial non cometeu ningunha irregularidade.