A Deputación de Lugo deu inicio esta tarde ao programa de Cantos de Nadal cun total de vinte concertos de corais que se realizarán en distintos empramentos ao aire libre ata o vindeiro 7 de xaneiro. Nesta primeira xornada, foron tres as corais que percorreron as rúas e prazas céntricas de Lugo coas súas voces e con repertorios adaptados a estas datas, que inclúe cantos tradicionais propios ademais de pezas doutras culturas.
As encargadas de comezar o programa foron Cantar Delas, o único grupo coral de voces brancas da provincia de Lugo que agrupa 18 voces femininas dirixidas por Fernando Gómez Jácome. Interpretaron na rúa da Raíña, Quiroga Ballesteros e Praza Maior un conxunto de panxoliñas de distinta procedencia: galega, vasca, francesa, catalana, arxentina ou venezolana.
A continuación, o Coro do Hospital de Lugo, que este ano cumpre 30 anos desde a súa formación, achegou ao público un repertorio con pezas recoñecibles como Adeste fideles, Suite comercial navideña ou Vinde galeguiños.
Para finalizar a primeira xornada de Cantos de Nadal, a Schola Gregoriana Lucensis, dirixida polo musicólogo Nemesio Gutiérrez e formada por 14 coralistas, fixeron gala de pezas como Verbum Caro, Canticorum Jubilo ou Campana sobre Campana, nun percorrido entre a rúa San Pedro e Quiroga Ballesteros.
Ao longo das vindeiras xornadas, sucederanse as actuacións, coa participación doutras agrupacións coralistas. Ademais das citadas, súmanse a esta programación Asociación Músico Vocal Xeada, Conxunto Vocal Lugh, Orfeón Xoan Montes, Orfeón Lucense, Coral Polifónica Xolda, Ecos do Miño e o Coro de Amigos do Camiño de Santiago.