Comezan os ensaios cun bioherbicida para eliminar a vexetación da Muralla

A Xunta de Galicia iniciou os ensaios cun bioherbicida a base de ácido pelargónico para eliminar a vexetación da Muralla de Lugo, desenvolvendo así unha das medidas previstas no Plan Director para a conservación do monumento.

O procedemento está a ser supervisado por especialistas, baixo a dirección do responsable do Plan Director, o arquitecto Ignacio López de Rego. Nunha primeira fase estudáronse no laboratorio os posibles efectos sobre a pedra e o morteiro, con resultados satisfactorios.

Hai quince días procedeuse a probar a súa eficacia en catro cuadrículas delimitadas xunto ao cubo LXXI, fronte ao Edificio Administrativo, das que se está a facer  seguimento. A solución aplicada ten en todos os casos o ácido pelargónico como principio activo, pero usáronse distintas técnicas e concentracións segundo os diversos tipos de plantas,  densidade ou tipoloxía de morteiro, entre outras consideracións.

A Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude valorará a súa efectividade e incidencia sobre os muros, e se os resultados son positivos estenderase a lenzos enteiros durante a próxima primavera. A última fase consistiría en aplicala sobre todo o perímetro, xa no vindeiro outono, e propoñer a súa incorporación aos protocolos de mantemento.

Mentres tanto, tamén se retomou estes días na mesma zona a limpeza da Muralla cos métodos manuais tradicionais, traballos que cada ano deben interromperse a partir de  abril ou maio, a época en que máis medra a vexetación e tamén o momento en que os cirrios retornan aos seus niños ocultos nos muros.

 

 

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com