Esta mesma mañá deron comezo os traballos nas inmediacións do paseo entre a Ponte Romana e a pasarela sobre o Miño, que consistirán, fundamentalmente, na sega da herba e na roza da maleza que se multiplicou nas últimas semanas debido ás altas temperaturas e ás choivas rexistradas esta primavera.
O edil Álvaro Santos explicaba “Dende a área de Medio Ambiente procedeuse á contratación, por separado, destas
tarefas xa que ningún dos tres espazos aparece contemplado na concesión actual para o mantemento dos xardíns municipais. Así, foi preciso elaborar unha proposta de gasto para poder executar os labores que, logo de iniciarse hoxe xunto ao recinto feiral, en próximas xornadas se acometerán nas contornas axardinadas sitas na Volta da Viña e na rolda das Fontiñas”.
O concelleiro deu conta tamén de que, tras esta intervención inicial, “que se tramitou con toda a celeridade posible, en canto as limitacións e as prioridades impostas polo Estado de Alarma o permitiron”, dende Medio Ambiente se licitará outra adxudicación para garantir a súa conservación de maneira permanente e mentres non se renovan os pregos do servizo que xa se están ultimando.
