A Conselleira de Infraestruturas e Vivenda, Ethel Vázquez, afirmou esta mañá que os trámites para crear unha estación intermodal en Lugo, xa están en marcha, ca publicación dos estudos no Diario Oficial de Galicia (DOG) de hoxe. Así o comunicou a conselleira na rolda de prensa que tivo lugar hoxe na Delegación Territorial da Xunta, en Lugo.
Vázquez fixo ver que esta modificación “é unha das claves para mellorar a calidade de vida dos lucenses“, ademáis de traer consigo, segundo dixo, “beneficios no tránsito, económicos e medioambientais” ao mellorar a ordenación do transporte público galego.
A Conselleira destacou que hai máis de 7000 persoas en Galicia que utilizan o transporte público e que preto de 1000 rapaces utilizan xa a tarxeta metropolitana que lles permite obter transporte interurbano público gratuito, cifras que valorou positivamente en fronte do uso do vehículo particular.
No terreo lucense, Vázquez calificou como moi importante a intermodalidade para facilitar o uso dos diferentes medios de transporte e sinalou que “o tren e o autobús non deberían ser competencia, senón, complementarios“. Asemade, a popular fixo un chamamento ao uso do transporte público dado que “canto máis xente utilice o transporte público, máis puntos de encontro se poden facer, e os precios serán máis competitivos.
“Que a estación de bus, que acolle 300 expedicións diaria, e que é un servizo ben valorado na cidade, se encontre a 1 quilómetro da estación de ferrocarril, complica os intercambios dos medios de transporte aos cidadáns”, afirmou a conselleira quen tamén recalcou que a estación intermodal é clave para mellorar estes aspectos.
Segundo sinalou Vázquez, os trámites para dar comezo á intermodalidade en Lugo, “xa están postos en marcha ca publicación no DOG de hoxe, no que se recollen os primeiros pasos para comezar con este proxecto”. Entre estos primeiros pasos, Vázquez destacou as análises de localización, de futura demanda e do impacto sobre a contorna; así como varios estudos de necesidade (número de dársenas, plataformas e aparcadoiros necesarios, espazo para a maniobrabilidade dos autobuses…).
Vázquez afirmou que a localización máis lóxica e “beneficiosa para os cidadáns” para facer unha estación intermodal en Lugo é a estación de tren, xa que suporía moito máis gasto, traballo e incidencias ter que mover a infraestrutura que supón o tren. Ademáis, a conselleira asegurou tamén que, a principios do próximo ano, xa se avanzará no estudo arquitectónico de dita estación.
A Xunta, afirmou Vázquez, pretende “facer unha estrutura racional e que se execute, lonxe dos convenios e propostas que se fixeron en 2010, case faraónicas para os tempos de crise económica que corren”, asemade incidiu en que este é un proxecto “eficiente, funcional e viable”.