Comezou a campaña das municipais “Ave candidatos”

Coa derradeira badalada do día os candidatos á alcaldía  daban por inaugurada a campaña pero, xa antes, moitos deles fixeron actos con todo tipo  de ocorrencias: uns viaxaron dende Sarria polo camiño de ferro, supoño que sairían  con tempo para chegar á hora prevista pois se a “Alta” velocidade, deseñada para o Eixo Atlántico, que leva a velocidade de “vertixe” aos pasaxeiros entre A Coruña e Vigo, pásmense, en  85 minutos, hai ciclistas de elite que case o farían no mesmo tempo, non quero pensar o tempo que tiveron que empregar en facer a viaxe de Sarria a Lugo o aspirante Orozco e o seu equipo, nun “AVE” do século XIX, por unha  liña deseñada no século XIX entre dúas estacións  construídas hai dous séculos. Auténticos  viaxeiros  no tempo! Semella que fuxiran  da serie que se estreou tamén onte a noite, onde a xente  escapa do futuro cara o presente.  Como debe andar a cousa por aí adiante!

Outros asinaron un contrato con Lugo de dez puntos. Non sei se Lugo está dado de alta como autónomo, como s.l.  ou como sociedade anónima e quen é o xerente desta empresa, pero ten que ter coidado o sr.  Castiñeira, non vaia ser o demo que non se lle presente ninguén a asinar o contrato e  se quede A VElas vir.

Os de Lugonovo escenificaron o derribo das torres de O Garañón e estaban sen casco. A normativa de riscos laborais é moi clara no tocante ao uso do casco nas obras, en calquera  obra, en todos os casos, mediante anuncios, infórmase que é de obrigado cumprimento o uso do mesmo. Nótase que aínda non teñen experiencia porque se non, saberían que calquera político/a que vaia visitar/inaugurar unha obra con foto, non sae da casa sen  coller o “quit de inauguracións e visitas a obras”, que non é outro que o casco e o chaleco. Isto do derribo e moi perigoso, de aí a importancia do casco, pois imaxínate que che cae, por exemplo, un pacto, A VEr como te protexes  do que fixeches ou dixeches.

Arroxo é o que lle fai falta ao BNG. Ilusión xa din eles que teñen. O ilusionismo ten a vantaxe de facerche ver o que non existe. Por iso é unha opción moi recorrente, sobre todo cando non hai doutra cousa da que tirar. Quen non escoitou a un adestrador declarar, antes dun encontro absolutamente desigual, imos enfrontar o partido con moita ilusión, quedas ben e non gastas nada, que é o caso do BNG  porque hABEr cartos, o que son cartos, non hai, así que sen cartos para gastar na campaña a ilusión toma forma de cartel electoral.

Cidadáns estivo baixo os soportais do concello ao enxoito. Supoño que parA VEr  como é a porta que queren traspasar a diario os vindeiros catro anos. Pero para elo unha das cousas que teñen que facer e saír a campo aberto, aínda que chova, porque o que quere peixes ten que mollarse.

Os de ACE marcharon á praza do Cantiño, coido para mandar unha clara mensaxe aos electores : só lles falta o canto dun peso para volver ao pazo do concello. Os milagres danse e as meigas hABElas hainas.

As outras candidaturas, A Ver se aparecen, porque de momento pásalles como aos billetes de cincocentos euros: todo o mundo di que existen pero ninguén os viu.

Eloi Caldeiro.

 

 

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com