A sección sindical de Comisións Obreiras (CCOO) no Concello de Lugo denuncia a falta de persoal na Brigada Municipal de Augas “de xeito que non está operativa nin as fins de semana nin os festivos. E tampouco hai empresa, pois quedou deserta a última adxudicación”, subliña o sindicato.
Segundo indican dende o sindicato “o cadro de persoal da brigada está formado por seis peóns, un oficial e un encargado. Destes oito integrantes, tres están de vacacións, un de baixa médica e outro con funcións restrinxidas”.
Comisión Obreiras sinala que “a cidadanía luguesa é a gran prexudicada pola situación, pero tamén o propio persoal do servizo. O encargado da brigada ten que unha media de 50 chamadas a calquera hora do día, tamén ás noites. Esta dispoñibilidade non é aboada, malia que a súa xornada é de sete horas como a do resto dos traballadores e traballadoras do Concello de Lugo”.
CCOO tamén denuncia “a discriminación deste persoal respecto ao doutros departamentos, pois estanse vendo obrigados a denunciar e gañar sentenzas que lles recoñecen a realización de horas extraordinarias ou funcións de superior categoría. Ao tempo, a outro persoal si se lle aboan horas extraordinarias, incluso levantándose todos os meses no pleno os reparos de legalidade”.
Por todo isto, CCOO esíxelle á acaldesa de Lugo, Paula Alvarellos, que inste o servizo de persoal a iniciar os trámites de modificación da relación de postos de traballo (RPT) para aumentar o cadro de persoal da brigada “e poder dar un servizo axeitado todo o ano”. Asemade, insta “a contratar de forma urxente os traballadores e traballadoras necesarias suplir as vacacións e que se paguen as horas extraordinarias que se deben”.