Comisións Obreiras denuncia a privatización de servizos municipais no Concello de Lugo

A sección sindical de CCOO no Concello de Lugo denuncia a privatización de servizos municipais en vez de reforzar o sector público. Deste xeito, o sindicato expresa “o seu rexeitamento pola decisión da xunta de goberno local de contratar servizo especializado para a reparación de avarías e apoio na rede de abastecemento e saneamento de auga cun orzamento de 423.500 euros anuais, que poderían superar os 700.000 en caso de prórroga”.

Comisións ve “insólito que un goberno que presume de esquerdas e compromiso social» destine case medio millón de euros para encomendarlle a unha empresa privada a prestación dun servizo público”. “Estamos a falar de máis de 423.500 euros anuais que, ben xestionados, en persoal municipal dan para contar cunha brigada municipal importante e que podería realizar eses traballos”, sinalan.

Ante as afirmacións por parte do Concello de que “o contrato permitirá reforzar o mantemento de infraestruturas críticas e garantir unha resposta rápida e eficiente ante posibles incidencias”, a sección sindical e CCOO pono en dúbida. “A brigada municipal funcionou ben durante moito tempo, xusto ata que hai uns anos se comezaron a encargar actuacións a operarios alleos ao Concello”. Esa experiencia proba que a externalización “non redundou nun mellor funcionamento; ao contrario, o abastecemento de auga empeorou e o custe foi considerablemente superior”.

A “inacción” do Concello en relación á brigada de augas xa foi denunciada por CCOO a comezos do verán. Nunha nota remitida aos medios de comunicación o 9 de xullo, o sindicato sinalaba “que a falta de persoal impedía o normal funcionamento e facía que estivese inoperativa as fins de semana e os festivos”.

Para CCOO, unha brigada de só oito integrantes é “claramente insuficiente” para atender as necesidades dunha poboación de 100.000 habitantes”. Precisamente, a comezos do verán, o sindicato xa denunciaba publicamente que “o exiguo equipo non podía operar en fins de semanas e festivos por ter persoal de baixa médica ou gozando vacacións”.

Por todo isto, CCOO esixe “a cancelación desta externalización e a negociación dunha relación de postos de traballo que permita reclasificar e dotar a brigada municipal de augas de quendas de noites e fins de semana —do mesmo xeito que acontece cos bombeiros ou a Policía Local—. Segundo os cálculos do sindicato, esta si seria unha medida «eficiente» e permitiría aforrar uns 300.000 euros para as arcas municipais”.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com