Os integrantes do Comité de seguimento constituído na Delegación territorial da Xunta en Lugo co gallo da vaga de lumes realizaron esta mañá unha visita técnica ao concello de Cervantes para avaliar os seguintes traballos a desenvolver. O comité de seguimento, coordinado polo delegado territorial, José Manuel Balseiro, está composto polos responsables provinciais das consellerías de Presidencia, Medio Ambiente, Medio Rural e Infraestruturas e Vivenda, ademais dos xefes de Servizo de Extinción de incendios, Emerxencias e do Instituto Galego de Vivenda e Solo.
Balseiro indicou que, nun primeiro momento, a actuación integral da Xunta fronte a vaga de lumes centrouse en extinguir os incendios para de inmediato apoiar os damnificados mediante liñas de axudas específicas. De feito, tres días despois dos incendios, o Goberno galego xa tiña aprobado o decreto de medidas urxentes de axuda para a reparación dos danos causados polos incendios e está previsto ao longo desta semana iranse concretando os detalles en cada ámbito.
O delegado territorial considerou moi positivo que o Goberno central xa avanzase que tamén aprobará un paquete de axudas complementarias que se sumarán ás da Xunta. Hoxe tamén está prevista unha reunión coa Delegación do Goberno, Xunta, Fegamp e Deputacións para avanzar nestes apoios. Balseiro agarda que todas as administracións colaboren neste obxectivo e lembra moi en particular que as Deputacións están obrigadas por Lei a axudar aos concellos no restablecemento dos danos causados, polo que esperamos que tamén se impliquen.
No que respecta aos traballos de recuperación do monte, o delegado territorial explicou que na provincia de Lugo xa se ten contratado con TRAGSA para que se encargue das iniciativas dirixidas á estabilización de emerxencia dos espazos queimados.