A Asociación Si, hai saída condena o crime machista de Baiona e volve a incidir sobre a sensación de impunidade dos potenciais feminicidas.
Desde a Asociación Si, hai saída queremos expresar, como non podería ser menos, a nosa mais rotunda condena ante este novo e brutal feminicidio, o oitavo no que vai de ano, que segou, en Baiona, a vida de Beatriz Lijó, asasinada, presuntamente, a mans da súa ex parella.
Así mesmo, non podemos nin queremos deixar de incidir na incesante escalada de violencia machista que se está a producir desde hai xa moito tempo, por mais que se tente vendernos o contrario, e que, non nos cansaremos de repetir, está estreitamente relacionada coa sensación de case total impunidade dos agresores, dos potenciais feminicidas, aos que maltratar e asasinar mulleres lles sae case de balde ou con condenas que, en moitos casos, en demasiados, por desgraza, poderíamos cualificar case de ridículas.
De nada serven as pretendidas xustificacións co socorrido “non existían denuncias previas”, xa que, lamentablemente, son cada vez mais numerosos os casos nos que si existían, mais unha deficiente valoración do risco e unha mais deficiente aínda protección da vítima, cando non a total ausencia desta, favorecen que o seu agresor teña practicamente patente de corso para matar.
Como tampouco de nada serven todos os minutos de silencio, nin cantas concentracións se leven a cabo, se non se acometen medidas drásticas dende a raíz do problema.
É de puro sentido común que ningún maltratador que estea pensando en matar vaia deixar de facelo por moitos minutos de silencio ou manifestacións de repulsa que se leven a cabo, e que o único que podería disuadilos sería o temor as consecuencias mais rigorosas, algo aplicable igualmente a cantos, tendo a obriga de facelo, non protexen as vítimas do xeito que deberan.
Certamente, loitar contra a violencia de xénero é unha tarefa educacional, pero non o é menos que, desgraciadamente, non imos erradicar séculos de machismo da noite para a mañá, e, namentres, cumpre tentar aplicar medidas o mais eficaces posibles, que a palíen todo oposible, revisando e reformando un sistema que claramente non funciona, deixando de obviar aqueles eidos e actores nos que radica gran parte da responsabilidade, como radica, por suposto, en toda a sociedade, que, queiramos ou non asumilo, está a normalizala cada vez mais.
Así mesmo, non podemos pasar por alto a instrumentalización e a utilización como ferramenta política que se está a facer da violencia de xénero, na que sobran pretendidos e pretendidas especialistas, pero, e lamentamos ter que dicilo, pouca implicación real e demasiada “xestión de despacho”, como tampouco se pode obviar o mais que lucrativo negocio que para algúns e algunhas está a supoñer esta letal lacra, o que non deixa de ser un xeito mais de maltratar.
Loitar contra a violencia de xénero, é, non o esquezamos, unha tarefa de todos e todas nos que, a vista está, non se está a levar a cabo dun xeito eficaz.
Asociación Si, hai saída.