Ante os últimos sucesos acontecidos na cidade de Lugo nos últimos días e ante a campaña antiocupación que se ven fraguando por parte dalgúns medios da cidade e dunha ínfima representación da cidadanía vinculada á extrema dereita e a grupos neofascistas Stop Desafiuzamentos, como parte implicada no problema da vivenda en Lugo e como organización coñecedora dos feitos de primeira man quere dar a súa visión do sucedido. Os sucesos referidos son a creación da empresa “Mi casa no es la tuya” dedicada segundo as informacións dos diferentes medios a asesoría xurídica contra as ocupacións e o intento de desaloxo dunha vivenda na rúa Yáñez Rebolo o pasado venres 18 de setembro.
Dende Stop Desafiuzamentos queremos incidir en que en Lugo había no ano 2011 e segundo datos oficiais do INE que todo cidadán pode consultar na páxina web desta institución 59.647 vivendas no municipio de Lugo. Esta semana unha información da axencia de novas EFE e da que se fixeron eco algúns medios locais mencionaba un informe policial segundo o cal en Lugo existen a día de hoxe 14 vivendas ocupadas de forma ilegal. É dicir, nunha das 5 capitais de provincia con maior número de vivendas baleiras, a porcentaxe das que están ocupadas de forma ilegal é do 0,023 sobre o total de vivendas na cidade. Tendo en conta que son datos do 2011 e que se construíron novas vivendas é probable que a porcentaxe sexa no 2020 aínda menor. Por suposto estes datos non aparecen nos medios. Non parece polo tanto que a ocupación ilegal represente un problema grave na cidade. E moito menos parece que a campaña e a súa presenza nos medios estas últimas semanas estea xustificada e avalada por datos obxectivos. Contrasta co escaso espazo que se lles dá a outros delitos vinculados á violencia machista, trata e tráfico de persoas, delitos de odio contra grupos étnicos ou colectivos LGTIBQ de maior presenza na cidade, por desgraza. A calidade informativa vinculada ao sensacionalismo barato, a verificación da información e o contraste das fontes resultan nulos en calquera dos casos. Tendo en conta os datos de desafiuzamentos, esta plataforma solucionou 8 tentativas de desafiuzamento no que vai de ano paralizando execucións ou ofrecendo alternativas habitacionais, sempre grazas á labor das persoas que colaboran desinteresadamente e nunca co apoio de ningunha institución e ante a inexistencia de vivenda social como alternativa na cidade. Ademais, arestora, a plataforma mantén activos 11 casos de desafiuzamento. Por suposto, e por desgraza, existen máis casos que non se achegaron á nosa plataforma, polo que no que vai de ano, tan só contabilizados por Stop Desafiuzamentos levamos 19 casos de tentativas de deixar a diferentes familias de propietarias e inquilinas sen unha vivenda digna. A isto hai que engadir que, de xeito paradoxal , a COVID contivo esta problemática, así como determinadas leis que aportaron alternativas e moratorias tan só momentáneas. Nas últimas semanas, e seguindo a tendencia mediática a nivel estatal, algúns medios de Lugo, veñen facendo unha triste campaña de criminalización da ocupación e indirectamente do dereito á vivenda de todas e cada unha das persoas que habitamos esta cidade independentemente dos seus ingresos, orixe ou situación social. Á súa vez, tamén aplaudiron e promocionaron a creación da empresa “Mi casa no es la tuya”. Pensamos que a vinculación dos seus compoñentes á extrema dereita e grupos neofascistas é crucial non só para entender as súas orientacións senón tamén as súas prácticas, vinculadas á violencia tanto física como verbal. Á súa vez, o “blanqueamento” destas prácticas nos medios encerra un perigo para a convivencia social nunha época de crise a todos os niveis incomparable. Logo desta pequena contextualización e tras seguir en primeira persoa o proceso de intento de desaloxo dunha vivenda na rúa Yáñez Rebolo por parte da empresa “Mi casa no es la tuya” expoñemos os seguintes feitos: 1º. Neste caso non existe denuncia previa nos Xulgados de Lugo, nin ningún procedemento equivalente por parte da persoa propietaria do inmoble. Esta persoa chamou directamente a esta empresa. A empresa non seguiu os cauces establecidos pola lei polo que estamos ante un caso de desaloxo ilegal. 2º. Nin a empresa nin os medios, como era de agardar, se puxeron en contacto con ningunha organización social da cidade con experiencia e coñecementos na problemática da vivenda. Ademais, o feito de realizar esta acción nun venres, impide ás persoas afectadas pola desocupación da vivenda facer uso dos servizos durante toda a fin de semana quedando expostos e na rúa durante ese tempo, como mínimo. 3º. A vivenda que se tenta desaloxar está abandonada desde hai anos e non consta que sexa utilizada nin como primeira nin como segunda residencia pola propiedade da mesma. Na rúa da vivenda e na zona existen diversas vivendas e edificios que se atopan en estado ruinoso converténdose nun claro perigo para os habitantes da zona como xa se demostrou tralas cicloxéneses do pasado inverno no que algunha veciña salvouse da caída dalgunha pedra por centímetros. Isto fai que a día de hoxe algunha beirarrúa desta zona e doutras de Lugo aparezan acordoadas por risco de desprendementos ou derrube. É obvio que as persoas propietarias deben manter as súas propiedades en bo estado para que estas non supoñan un perigo para a veciñanza. A mellor forma de levar a cabo o mantemento é que viva xente nas casas. 4º. Interpuxéronse varias denuncias contra a empresa “Mi casa no es la tuya” por delitos de coacción, ameazas, agresión e intimidación. 5º. Segundo acreditan inquilinas e testemuñas a empresa “Mi casa no es la tuya” chegou a ofrecer cartos (ata 500 euros) aos inquilinos para que abandonasen a vivenda. Pensamos que este feito abre dúbidas sobre o financiamento desta empresa de nova formación que en ningún momento mostra interese por explicar como pensa financiarse. 6º. En ningún momento os membros da empresa foron acurralados. A contestación por parte da veciñanza en favor das inquilinas foi sempre pacífica. Os membros da empresa mantivéronse en todo momento en actitude desafiante bloqueando a porta de entrada á vivenda. Isto xerou algún momento de tensión polo impedimento aos familiares das afectadas de entrar a axudar aos moradores a retirar as súas pertenzas e mesmo de levar medicinas a unha muller enferma que se atopaba no interior. Estes momentos de tensión xeraron algún roce que rematou con denuncias por parte da empresa. 6º. Cara o final do día, a empresa, ante as denuncias e presión social, vese obrigada a deixar saír do edificio a un inquilino, acompañado pola súa muller enferma. Ambos, con alto grao de discapacidade recoñecida pasaron a noite na rúa nunha tenda de campaña. Un dos inquilinos tivo que ser atendido por unha ambulancia tras agresión dun membro da empresa. Varias membras de Stop e outros colectivos vencellados ao antifascismo e aos dereitos sociais permaneceron facendo garda pola noite para ofrecer axuda ás persoas que quedaron sen teito esta noite e tentar que non se repetiran actos violentos por parte dos membros da empresa e para ser testemuñas das mesmas no caso de se producir. 7º. Os feitos anteriormente relatados non parecen coincidir en ningún caso cos servizos de asesoría xurídica que din ofrecer os membros de “Mi casa no es la tuya” nos medios de comunicación. 8º. A responsabilidade dalgúns medios de comunicación nestes feitos e que atentan contra a convivencia social na cidade é evidente. A empresa non conta con web propia nin apenas presenza nas rúas e na internet. Case a totalidade da súa difusión vén das publirreportaxes do medio de maior tirada local que engadiu contacto de referencia e número de teléfono nas súas páxinas para que supostas afectadas puideran solicitar os cuestionables “servizos” da empresa. Non sabemos se a precariedade nos medios nun momento de crise e o empobrecemento das súas prácticas sometidas aos vaivéns e desexos dos grupos empresariais propietarios dos medios fixo dar por válidas unhas informacións e as prácticas dunha empresa de cuestionable valor xornalístico e moral e que levou aos medios a sumar un ridículo de grandes dimensións vítimas da súa inxenuidade. Pola contra, cabe tamén a posibilidade de que estes grupos empresariais estean guiando os medios e aos xornalistas cara campañas de criminalización da pobreza que desembocan na magnificación de sucesos que apenas teñen valor informativo ou que non representan tendencias constatables na cidade de Lugo. Entristécenos tamén, ver como os medios confrontan dereitos nas súas informacións e como antepoñen o dereito á propiedade privada por riba doutros máis básicos como o dereito a unha vivenda digna, o dereito a vestido ou comida, abandonando a defensa do dereito máis básico, polo tanto, como é de vivir dignamente. Entendemos que todos os dereitos son respectables mais para vivir dignamente un debe ter comida, vestido e teito. Non parece que para vivir dignamente un necesite ter propiedade privada no mercado inmobiliario. E por todo isto insistimos en varias reivindicacións que vimos facendo ultimamente:
• Máis apoio por parte das institucións, sobre todo Concello, Deputación e Xunta para aprobar unha normativa que garanta o dereito á vivenda digna de todas e cada un das persoas de Lugo.
• Que se aposte pola rehabilitación ecolóxica dos barrios e a creación nela de vivenda social digna para a xente que non ten acceso á propiedade e que se desestimen a creación de novos barrios e que se limite a permisividade para facer pisos turísticos co apoio de fondos voitre. Nunha das cidades de maior vivenda baleira non se necesitan máis edificios. Tampouco é a solución ocupala con turistas mentres hai xente durmindo na rúa.
• A non criminalización da ocupación de vivendas baleiras. É unha práctica que xorde da necesidade e non da tentativa de enriquecemento persoal ou empresarial. • A expropiación e inmediata conversión en vivenda social das vivendas que están en mans de bancos rescatados con fondos públicos.
• A regulación e limitación do prezo dos alugueres e da suba dos mesmos que afoga aos inquilinos que non queren ou non poden acceder a unha propiedade inmobiliaria. Estes alugueres tamén están rematando co tecido de pequenos comercios locais.
• Sanción e retirada de financiamento público para os medios de comunicación que son responsables da transmisión de bulos e novas falsas e falseadas en sen contrastar. Os xornalistas e os medios teñen unha responsabilidade social que debe ser regulada e controlada do mesmo xeito que outras profesións como a avogacía, os sanitarios, ou mesmo as cociñas dos locais de hostaleira. A tódalas profesións se lles debe esixir unha mínima responsabilidade social. Existen certas prácticas que deben ser sancionadas e que polas súas consecuencias non poden estar amparadas pola liberdade de prensa. Por citar un exemplo, nas informacións dun dos medios locais mencionan as declaracións de testemuñas que afirman que o piso era utilizado como punto de venta de droga utilizando o termo inventado de “narcopiso”. Á marxe de valorar a veracidade dos feitos, é imprescindible que as acusacións que se fagan contra persoas ou colectivos veñan contrastadas polos xornalistas e con probas. Non se poden dar por boas unhas declaracións de veciñas que non son testemuñas por non ter estado dentro da vivenda nin poden gozar de credibilidade ante a opinión pública por non presentar probas. A opinión da xente e a rumoroloxía non non dan testemuño nin proban nada. • Poñer o foco en que as persoas teñan garantidos os dereitos básicos e non antepoñer outros por beneficiosos que resulten para as arcas de propietarios, grupos empresariais e fondos voitre.