Con-ética denuncia ante o Fiscal de Medioambiente as medidas contra os xabarís previstas pola Xunta

A Plataforma pola Concivencia Ética coa Fauna Silvestre, CON-ÉTICA, presentou hoxe unha denuncia ante o fiscal de medioambiente solicitando a suspensión inmediata do protocolo de caza e sacrificio de xabarís aprobado pola Xunta de Galicia para a contorna da cidade de Lugo.

CON-ETICA expón na denuncia que as medidas previstas implican a utilización de métodos excepcionais de caza cuxa autorización debe estar supeditada á previa elaboración dun informe técnico cualificado e riguroso que xustifique de xeito moi concreto a excepcionalidade de ditas medidas e describa rigurosamente os individuos obxecto do control, o seu estado e os seus costumes así coma as alternativas baralladas e a súa eficacia. A Plataforma non ten constancia da existencia de informe técnico ningún máis aló dun mapa de zonas a desbrozar, enviado pola xunta ao Concello, onde supostamente os animais poderían ter os seus refuxios.

CON-ÉTICA insiste nese senso en que todo o que sexa desviarse do amparo dun informe técnico riguroso e resolver á marxe do mesmo supón, para quen asina o protocolo, incorrer nun delito de prevaricación contemplado polo artigo 404 do Código Penal.

Por outra banda, a plataforma denuncia a ilegalidade do emprego de arcos como medio de captura dos xabarís urbanos. A caza con arco únicamente pode desenvolverse en terreos cinexéticos sometidos a réxime especial e a Lei de caza de Galicia de ningún xeito contempla excepción ningunha baixo a que se poda autorizar esta modalidade de caza noutras zonas alén das descritas, canto menos en zonas de seguridade.

Outras irregularidades recollidas na denuncia fan referencia á autorización da captura fóra da tempada hábil, ao inxustificado uso de medidas letais no canto de preventivas, máis eficaces e seguras para a cidadanía, á inexistencia de descrición axeitada e valoración da magnitude real dos presuntos danos causados na cidade polos animais, ou á prohibición da caza de crías ou femias con crías de especies de caza maior que métodos como o uso de gaiolas non poden asegurar cumplir.

A denuncia presentouse en nome da Plataforma pola Convivencia Ética coa Fauna Silvestre composta por Adega, Asociación Ambiental e Cultural Petón do Lobo, Asociación Animalista Vox Anima, Asociación Cova Crea, Asociación Ridimoas, Grupo de Estudo dos Animais Salvaxes (GEAS), Equo Galicia,  así como das dúas asociacións animalistas Anonymous for the Voiceless e Lugo Animal Save.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com