As catro escolas infantís que creou e mantén o Concello, Serra de Outes, Gregorio Sanz, Luis Soto Menor e María Wonenburguer, abriron hoxe o seu prazo de matrícula para o curso 2017/2018, tras a publicación da convocatoria no Boletín Oficial da Provincia, no taboleiro de edictos e na web municipal www.lugo.gal.
As solicitudes poden presentarse ata o 2 de abril debidamente cumprimentadas no Rexistro Xeral do Concello. En total, as 4 escolas infantís municipais ofrecen 238 prazas para nenos de 0 a 3 anos, das que se reservarán 21 prazas en cada escola para nenos e nenas matriculadas no curso actual e 3 prazas de emerxencia social en cada unha delas.
Deste xeito, o Concello ofertará 37 prazas de novo ingreso nas escolas Serra de Outes, Gregorio Sanz e Luis Soto Menor, 7 prazas de 3 meses a 1 ano, 4 de un a dous anos e 26 de 2 a 3 anos. Por outra banda, a escola María Wonenburguer ofertará 31 prazas de novo ingreso, 7 para cativos de 3 meses a 1 ano, 4 para nenos de 1 a 2 anos, e 20 de 2 a 3 anos.
As escolas infantís Serra de Outes, Gregorio Sanz e Luis Soto Menor contan cada unha delas con 61 prazas, distribuídas en catro aulas: unha de 0 a 1 anos, con 8 prazas, outra de 1 a 2 anos, con 13, e dúas para nenos de 2 a 3 anos, con 20 cada unha. No caso da escola María Wonenburger, dispón de 55 prazas, repartidas nunha aula de 0 a 1 anos con 8 prazas, outra de 1 a 2 anos, con 13, e dúas de 2 a 3 anos, con 17 prazas cada unha.
O Concello establece un período de portas abertas nas catro escolas infantís municipais o xoves, 22 de marzo, de 17:00 a 19:00 horas, para visita das familias que desexen solicitar praza de novo ingreso en calquera destas escolas.