O Concello aproba melloras en catro cubos da muralla que implicarán o seu desmonte

Xornada de Xunta de Goberno no Concello de Lugo, na que se acadaron varios acordos. Un deles, do que xa se viña falando no mes de agosto, traerá consigo o desmonte dalgúns cubos da Muralla. Esto ven dado pola solilcitude de licenza, por parte da Xunta de Galicia, para a restauración integral destes cubos, que serán o XIX, o LXX, o LXXI e o LXXX. A Muralla non correrá ningún risco con estas actuacións, aínda que coleven o desmonte de parte do seu muro. O voceiro do Concello, Miguel Fernández explicou as accións que a Xunta fará nos cubos do Monumento declarado Ben de Interese Cultural.

“No cubo XIX farán tarefas de valado na zona de actuacións, colocación de estacas e desmonte da rede eléctrica ou rego, desmontaxe e reconstrución do muro de cachotería de lousa e colocación de sopena de lousa sobre o mesmo. Evacuación manual do recheo ata o inicio das escaleiras existentes e execución dun novo recheo no adarve e impermeabilización do adarve, execución de mechinais para evacuación da augas de escorrentía e reposición de rede eléctrica do alumeado”, explicou o voceiro. No caso do cubo LXXX, as intervencións previstas consisten na retirada do pavimento do adarve e na demolición das lousas de formigón e area do recheo existente previa escavación arqueolóxica do paramento do cubo ata chegar á primeira lousa. Unha vez realizado este traballo, cimentarase, realizarase o recheo e formarase unha soleira.

Para os outros dous cubos, a intervención contempla diversas actuacións consistentes na instalación de apeos estruturais, a retirada da saburra compactada do remate superficial do pavimento, a demolición da lousas de formigón armado existentes a diferentes niveis e o baleirado de capas de areas entre as lousas por medios manuais.

Noutra orde, o Goberno local aprobou os criterios para a selección da contratación de 20 persoas desempregadas en situación de risco ou exclusión social, perceptoras da Renda de Integración Social de Galicia (RISGA), nas brigadas de obras municipais.

Así o avanzou o voceiro municipal, quen indicou que a duración do contrato é de sete meses a media xornada, para realizar tarefas de limpeza e mantemento de sendeiros e roteiros turísticos municipais, así como de mantemento viario nos entornos dos edificios municipais, instalacións deportivas, colexios ou o propio cemiterio municipal. Esta iniciativa vén de recibir unha subvención da Consellería de Economía, Emprego e Industria, equivalente aos custos salariais da contratación de 16 peóns, 3 oficiais e 1 encargado.

Modificación do regulamento interno de persoal

Entre outros asuntos, na sesión deste mércores, a Xunta de Goberno deu luz verde tamén, aos efectos de rectificación, validación e aprobación formal, á modificación do regulamento interno de persoal, en base a un acordo da Mesa de Negociación. As modificacións atañen ao valor das horas extraordinarias -as normais calcularanse aumentado o 40% e as festivas, o 100%-, e á supresión do límite de horas extraordinarias.

Sanción a Tribugest

O voceiro do goberno local anunciou, ademáis, que o Concello, finalmente interporá unha sanción á empresa Tribugest pola infracción, considerada “moi grave”, que tivo lugar nos pasados meses, cando a empresa que xestiona o cobro de impostos no Concello non notificou a algúns veciños da cidade un cobro polo procedemento correcto polo que o goberno local sancionará a Tribugest cunha multa de 6000 euros, tras desestimar as alegacións presentadas pola empresa.

 

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com