A Xunta de Goberno do Concello de Lugo deu luz verde hoxe a un novo proxecto impulsado polo equipo de Lara Méndez para avanzar na mellora da accesibilidade e a mobilidade no casco histórico, e que responde ademais a unha petición de Auxilia no Gabinete de Accesibilidade.
Segundo informou a vicevoceira municipal, Carmen Basadre, trátase de dúas actuacións. Por un lado, substituír os actuais lastres da beirarrúa da Ronda a Muralla, no tramo que discorre entre a rúa Montero Ríos e a Porta da Estación, por baldosas de granito, e, por outro, pavimentar con granito unha parte do Carril dos Fornos que está en terra. As obras, que requiren un investimento de 60.000€, custearanse con cargo aos fondos da Área de Renovación e Rexeneración Urbana (ARRU) do casco histórico.
Basadre aproveitou tamén para falar da pouca afectación que estivo a ter a neve dentro da cidade de Lugo. Urbaser botou unha tonelada de sal nas rúas para evitar esvaróns e protección civil e emerxencias estiveron pendentes de todo o que podía suceder para actuar o antes posible.
Neste eido, a agrupación municipal de Lugonovo propuxo a colaboración entre o Concello e a cidadanía para despexar de neve os camiños do rural, pois aseguran que moitos accesos secundarios están cubertos de neve.
RPT nova para a Banda
Doutra banda, a Xunta de Goberno vén de aprobar tamén unha proposta de modificación da Relación de Postos de Traballo (RPT) para poder nomear a un director da banda de música, dado que polo que establecen as bases da RPT, ningún membro da banda cumpre os requisitos mínimos e o Concello non pode contratar fóra da banda ningunha comisión de servizo.
Neste eido, o grupo municipal de Cidadáns esixiu esta mañá á alcaldesa, Lara Méndez, que aprobe en Xunta de Goberno unha modificación puntual da actual Relación de Postos de Traballo do Concello que permita “legalizar” a situación dos profesores e salvar a Escola Municipal de Música. A voceira desta agrupación, Olga Louzao, afirmou que “tal como se prevía, o Tribunal Supremo non admitiu a trámite o recurso de casación interposto polo Concello contra a sentenza do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia que ameaza a continuidade da Escola Municipal de Música ao anular a maneira na que se ampliou o horario dos músicos da Banda para que polas tardes deran clase na Escola de Música”.
Asemade, a edil nacionalista Maite Ferreiro lembrou, despois da resolución coñecida hoxe, que o BNG -Asembleas Abertas xa trasladou, en abril de 2017, unha proposta á comisión de Persoal do Concello de Lugo para acometer unha modificación parcial da Relación de Postos de Traballo co fin de garantir a pervivencia da Escola Municipal de Música. Maite Ferreiro sinalou que “este é, practicamente, o único camiño para evitar unha posible desaparición da Escola Municipal de Música”. Para o BNG a falta de solución a esta cuestión laboral podería abrir unha nova porta á privatización para o único servizo público que se creou nos últimos anos neste concello.
Cambios nos actos do Entroido
Por último, a vicevoceira municipal, deu a coñecer tamén que ante o temporal de neve e xeo, as actividades programadas polo Concello para o Entroido, en concreto as dos nenos, que terán lugar este sábado, poderíanse ver trasladadas ao interior da Casa Consistorial.
Para a quenda dos adultos, o vindeiro luns, o Concello irá vendo en función da meteoroloxía onde queda mellor. Basadre asegurou que os cambios só se producirán en caso de chuvia ou neve.