O Concello convoca o concurso de ideas para a humanización de Quiroga Ballesteros

O concello de Lugo convoca un concurso de ideas para a peonalización e cuberta da Rúa Quiroga Ballesteros, na que se atopa a entrada lateral da Praza de Abastos, o Mercado e o centro de convivencia Uxío Novoneyra entre outros moitos comercios e negocios.

Para facer público este anuncio, a rexedora, Lara Méndez, convocou unha reunión esta mañá con membros dos distintos colexios de enxeñeiros agrícolas, arquitectos técnicos, arquitectos, enxeñeiros de camiños e enxeñeiros industriais no que lles presentou as bases do proceso para que axuden na busca, dixo, dunha solución innovadora que sexa un referente internacional.

A alcaldesa explicou que, aínda tratándose dun contrato menor polo que, segundo a Lei de Contratos do Sector Público, o goberno local non estaría obrigado a dar publicidade e podería facer unha adxudicación directa, “quixemos implicar a estes profesionais, quixemos que formen parte activa deste proxecto de cidade que suporá un antes e un despois en Lugo, dinamizará a vida social e comercial grazas a unha solución urbanística innovadora nun centro neurálxico como é a confluencia da praza de abastos e o mercado, e que buscamos converter en referencia internacional”, subliñou Méndez.

A humanización de Quiroga Ballesteros é peza central no modelo de cidade do goberno, “unha cidade máis humana, accesible, cómoda, sostible, con máis espazos para uso público, para gozar máis da rúa a través de actividades comerciais e de lecer”, explicou a rexedora, quen lembrou neste senso actuacións municipais, en marcha ou en previsión, como a peonalización da propia rúa Quiroga Ballesteros e do entorno da Praza da Milagrosa, a implantación de zonas a 30 e con preferencia para ciclistas, o acondicionamento de aparcamentos disuasorios e dun novo modelo de acceso ao casco histórico ou a humanización da avenida Duquesa de Lugo, así como os proxectos que se acometerán cos 22 millóns de euros de fondos europeos que captou o Executivo: o EDUSI, o Smart City e o Life.

O concurso de ideas, dotado con 21.300 euros e que estará resolto a finais de ano, inclúe o deseño e elaboración tanto da proxecto de peonalización da rúa Quiroga Ballesteros, como da cuberta, para que ambas actuacións vaian acordes e sexan compatibles, pois nunha primeira fase acometeranse as obras de peonalización, cun orzamento de 1,1 millóns de euros, e nunha segunda, as da instalación da cuberta, que como máximo terán un custe de 400.000 euros.

O ámbito de actuación abranque a rúa Quiroga Ballesteros, dende Bolaño Rivadeneira ata a Praza de Santo Domingo, e o fronte do edificio da praza de abastos, incluído o calexón do Mercado Municipal Quiroga Ballesteros.

A raíz da reunión mantida hoxe pola Alcaldesa cos colexios profesionais de arquitectos, arquitectos técnicos e enxeñeiros, o Concello estudará introducir nas bases do concurso de ideas as propostas que estes profesionais fixeron en canto a prazos de presentación dos traballos e documentación relativa aos mesmos. En calquera caso, a intención do Concello é ter resolto o concurso antes de que finalice o ano.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com