O Concello de Barreiros estreou hoxe un novo sistema de comunicación cos seus veciños e veciñas maiores de 60 anos. Estas persoas reciben a través de sms no seu móbil información sobre as actividades que poidan ser do seu interese como viaxes, balnearios, etc…
O alcalde, Alfonso Fuente, anunciou que “hoxe no Concello de Barreiros puxemos en marcha un novo sistema de comunicación con todos os veciños e veciñas”. O rexedor lembrou que “hai aproximadamente un mes enviamos unha carta a todos aqueles maiores de 60 anos para que nos fixeran chegar o número de teléfono móbil. Hoxe practicamente toda a xente anda cun teléfono móbil e fóronos facilitando eses números”.
Fuente Parga subliñou que “así hoxe enviamos a primeira mensaxe de SMS a todos os que nos facilitaron os seus números, informando da apertura do prazo para inscribirse nos balnearios”. O alcalde barreirense adiantou que “así será sucesivamente en todos os avisos que haxa desde o Concello para telos informados, e que non teñan que estar pendentes daqueles bandos que se colocan ou daqueles carteis que se colocaban en distintos sitios e que ás veces non se enteraban ou non coincidía que o viran”.
Alfonso Fuente dixo que “non nos parecía que estaban debidamente informados, incluso ás veces se procedía a chamar á xente por teléfono e en ocasións non estaban na casa. Desta forma recíbena ao momento, en canto se abra un prazo ben para balnearios, para vacacións ou calquera información de interese do Concello, váiselles mandar directamente ao móbil para que pasen polas oficias municipais a facer o trámite que crean oportuno”.
O rexedor engadiu que “vai en beneficio de todos os veciños, así se irá implantando noutros servizos do Concello, pero iniciamos esta nova forma de comunicación co departamento de Servizos Sociais en primeiro lugar”.