A Consellería de Economía, Emprego e Industria destinou 302.000 euros nos últimos catro anos a mellorar os accesos ao polígono industrial de Becerreá, a través do programa de axudas dirixidas aos concellos para impulsar as infraestruturas e servizos dos parques empresariais galegos.
Así o explicou hoxe o delegado territorial da Xunta en Lugo, José Manuel Balseiro, no transcurso dunha visita ao polígono para comprobar o resultado das obras realizadas con cargo á convocatoria do 2019, que incluíron tamén a mellora de servizos e comunicacións interiores.
Estes últimos traballos foron apoiados polo departamento de Economía con 68.000 euros e serviron para mellorar a seguridade viaria no acceso ao parque desde a zona urbana -a través da rúa Corteliña-; así como para completar a instalación de servizos como a rede de pluviais, iluminación e bocas de incendio.
A actuación comprendeu a renovación de beirarrúas interiores do parque empresarial mediante a substitución do pavimento deteriorado por outro de formigón de cor verde; e tamén a execución de rebaixes nos pasos de peóns. Tamén se proxectou a construción dunha nova beirarrúa pola marxe esquerda do parque para nun futuro darlle saída peonil ata a estrada N-VI e unha nova rede de pluviais para dar servizo a este novo treito de beirarrúa. Así mesmo, instalouse unha pantalla informativa LED no acceso sur do polígono.
Balseiro destacou que a Xunta convoca anualmente esta liña de axudas e apuntou que nas catro últimas convocatorias (dende o ano 2016) o Concello de Becerreá recibiu fondos para financiar varios proxectos de mellora dos accesos á área industrial.
O delegado aproveitou para lembrar que a Administración autonómica mantén aberto ata o día 21 de febreiro o prazo para solicitar as axudas que a Xunta de Galicia puxo en marcha na convocatoria deste ano para impulsar os parques empresariais. Segundo destacou, a través desta convocatoria o Goberno galego financia ata o 80% do custo global dos proxectos presentados polos concellos para mellorar “as infraestruturas e servizos dos espazos destinados a albergar empresas e que polo tanto son fonte de riqueza e emprego”.