O Concello de Lugo retirará o tapón urbanístico da avenida da Coruña

O goberno local traballa dende hoxe para eliminar o tapón urbanístico do número 362 da avenida da Coruña. O Concello levará mañá, pois dous expedientes en relación a este tema, á Xunta de Goberno: o primeiro, de expropiación, e o segundo de proxecto de urbanización.

Así o anunciou hoxe a alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, quen se achegou á zona para explicarlle á veciñanza os pasos que o goberno local está a dar para avanzar neste sentido. Nesta liña, a rexedora avanzou que mañá se aprobará o proxecto de expropiación parcial dos terreos fóra de aliñación que costitúen o tapón urbanístico da Avenida da Coruña, que a día de hoxe invaden a beirarrúa, dificultando o paso de peóns.

A Alcaldesa, que estivo acompañada polo Concelleiro de Desenvolvemento Sostible e Persoal, Daniel Piñeiro, o xerente de Evislusa, Benigno Jáuregi, e unha trintena de veciños e veciñas; lembrou que se trata dunha decisión feita con axilidade e con responsabilidade, meses despois de que os veciños e veciñas lle puxeran en coñecemento este problema, e tras avanzarlles o 10 de xaneiro que Evislusa redactaría dito proxecto de obtención dos terreos, que foi informado favorablemente polo servizo municipal de Enxeñaría.

Este proxecto, tal e como adiantou Méndez, afecta a varias parcelas, cunha superficie total de expropiación de 172 metros cadrados e cunha valoración que ascende a 60.720 euros. Concretamente, son tres parcelas de 15 propietarios e unha folla de indemnización pola extinción de contrato dun valo publicitario.

Así mesmo, a Alcaldesa tamén avanzou que na sesión de mañá se aprobará, tamén de xeito inicial, o proxecto de urbanización destes terreos, que redactou a Empresa Municipal de Vivenda e Solo, cun orzamento, por contrata, de 41.404 euros. Tras esta aprobación inicial, ambos os dous acordos someteranse a exposición pública polo prazo dun mes para logo aprobarse de xeito definitivo, momento no que se sacarán as obras a contratación. Deste xeito, estímase que a finais de ano ou principios do que vén estarán rematadas.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com