O Concello de Lugo sufre tres caídas eléctricas en menos de quince días

Un novo fallo na rede eléctrica dos edificios dependentes do Concello de Lugo mantén en vilo a funcionarios municipais e grupos da oposición. Coa caída eléctrica desta mañá, xa suman tres en pouco menos de 15 días o que conleva problemas tamén para a veciñanza da cidade ao presentar fallos os servizos informáticos así como os da Policía Local e os Bombeiros.

A alcaldesa, Lara Méndez, anunciaba esta mañá que os técnicos eléctricos municipais localizaran o fallo que, segundo afirmaron desde o goberno local, resultou ser o mal estado dunha máquina de café situada na segunda planta do Centro de Servizos Municipais da Ronda da Muralla, que facía saltar os limitadores. Lara Méndez asegurou que “é normal que se dean certos fallos nun sistema con esa antigüidade”. 

Tamén os principais partidos da oposición se viron afectados por estas caídas eléctricas nos seus locales da Casa Consistorial, o voceiro popular, Antonio Ameijide, achacaba estes problemas á precariedade do servizo municipal. Ameijide afirma que as últimas avarías eléctricas destapan “graves deficiencias nas instalacións e nos xeradores de diferentes dependecias municipais como no edificio administrativo da Ronda ou a nova sede da Policía Local”.  

O popular tamén explica que é unha “tomadura de pelo” que o xerador da policia local non arrancase porque non tiña batería. Para os populares “estas chapuzas responden á política de desmantelamento coa que durante os últimos 18 anos os socialistas asfixiaron ao Servizo Electromecánico”. “Pasamos de 16 operarios e 2 enxeñeiros a contar tan só con dous efectivos, e un deles a corto prazo xubílase” indicou Ameijide.

Pola súa banda, Cidadáns denunciaba tamén esta situación a primeiras horas desta mañá e pedía axilidade na solución deste grave problema que, segundo afirmou a súa voceira, Olga Louzao, “ten paralizada a administración da cidade”. Tamén o BNG foi crítico cos continuados fallos que se veñen dando tanto na conexión eléctrica como no acceso á rede de Internet no concello de Lugo. Maite Ferreiro sinalou que “son máis de 300.000 euros anuais os que o concello destina aos servizos informáticos e non é normal que levemos máis de dúas semanas con fallos continuos”. 

O Concello confirmou xa que, como prevención para evitar novas situacións deste tipo, adquirirá un xerador eléctrico e reforzará as proteccións dos distintos equipos informáticos, ademais de estudar a dotación de servidores propios aos servizos de protección á comunidade.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com