O Presidente da Deputación, José Tomé Roca, e o Alcalde de Navia de Suarna, José Fernández, acompañados do Deputado de Promoción Económica e Social, Pablo Rivera Capón, asinaron este martes no Pazo de San Marcos o convenio marco de colaboración entre a institución provincial e o Concello para a posta en marcha do Centro de Atención a Maiores do municipio. Este acordo interadministrativo permite avanzar na posta en funcionamento do centro, que mellorará o benestar social, creará emprego sostible no rural e favorecerá o arraigo da veciñanza no seu lugar de residencia habitual.
Este convenio recolle o compromiso de ambas administracións para axudar ao financiamento das prazas, que dará preferencia aos veciños e veciñas deste municipio; en segundo termo para os dos municipios limítrofes ou da comarca; e logo para lucenses en xeral. En concreto, a Deputación asumirá o 75% da diferenza entre o custo efectivo do servizo e o prezo que pagarán os usuarios e, o restante, o 25%, correrá a conta do Concello, permitindo o acceso ás prazas de toda a veciñanza, independentemente da súa situación económica.
O Centro de Atención a Maiores de Navia de Suarna, que está previsto que abra as súas portas a finais de ano, contará con 30 prazas de residencia e 20 de centro de día. Así mesmo, a institución provincial será quen actúe como órgano de contratación e creará un equipo técnico especializado nos servizos sociais. Este modelo é o que a Deputación de Lugo mantén en toda a rede de residencias provincial que, actualmente conta con centros en Pol, Trabada, Ribadeo, A Fonsagrada e Castroverde. Neste 2021 a Deputación de Lugo, ademais do centro da Montaña, ten a previsión de abrir as residencias de Pedrafita do Cebreiro e Meira.