Concello de Ribadeo e Torre

O Concello de Ribadeo presentará o Plan de Camiños Rurais 2018

O alcalde de Ribadeo, Fernando Suárez Barcia, amosou esta mañá súa satisfacción polos anuncios realizados nas últimas horas por parte da Xunta e da Deputación, que procederán a arranxar varias estradas de titularidade autonómica e provincial en Ribadeo. O rexedor anuncia que o Concello dará a coñecer en breve o seu plan de camiños para 2018, que suporá un investimento de 500.000 euros.

Suárez Barcia subliña que as espiñas pendentes agora son o arranxo da estrada da costa e tamén da N-640, de Ribadeo a Vegadeo, que se atopan nun estado lamentable. O rexedor explicou que “están sendo estes moi bos días desde o punto de vista das infraestruturas nas parroquias e desde o punto de vista, eu penso que, da conxunción de varios planetas, de que todo o mundo por fin está respondendo ás vellas demandas que temos feito en Ribadeo desde hai moitísimo tempo. Digo iso pola licitación da estrada da Xunta de Reme a Vilamar, dos tramos que non estaban actualizados, que se presentaron onte, nunha parte importante de Ribadeo e noutra en Barreiros, pero que en definitiva vaille dar unha calidade ao trazado integral moi importante”.

Para o alcalde ribadense “non menos importante é que por fin estes viarios da Deputación polas parroquias do interior do noso concello, que estaban nunha situación terriblemente desfeita desde hai anos, que era un perigo incluso andar por eles, vanse ver mellorados. Estoume referindo á vía provincial de A Ponte ata Arante, a outra vía provincial de Cedofeita que vai a Couxela e que chega ata a N-640, ou incluso esta outra da Deputación que vai desde a estación de Porto ata o cruce da estrada da Venta en Couxela”.

O rexedor engadiu que “todas estas vías por fin a Deputación tamén atendeu estas demandas do Concello e está licitando o seu amaño, aproximadamente uns doce quilómetros, en aglomerado asfáltico, para ver se este verán se poden executar. Debo referirme tamén a que foi unha proposta do BNG que atendeu unha demanda do Concello de Ribadeo para meter neste plan de camiños provinciais”.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com