O Presidente da Deputación, Darío Campos Conde, acompañado pola Alcaldesa de Sarria, Pilar López Yáñez, o Concelleiro de Medio Ambiente, José Manuel López Torre, o Presidente de ACRUGA, César Dorado Pin, e o secretario técnico de AFRICOR Lugo, Ramiro Fouz Dopacio, presentou este xoves a XXIX Mostra Gandeira San Isidro Labrador de Sarria, que terá lugar os días 13 e 14 de maio.
Trátase dunha tradicional feira gandeira na que se pode comprar gando, maquinaria agrícola, artesanía ou desfrutar da gastronomía. O organismo provincial, ademáis das axudas provintes do Plan único, cederá dúas xatas da Granxa Gayoso Castro, que serán sorteadas durante a xornada do domingo.
Campos Conde subliñou que “unha das prioridades do Goberno da Deputación é o impulso do medio rural, e por iso contribuimos a organizar este tipo de iniciativas coas que poñer en valor un dos motores económicos da provincia como é o sector primario”.
Concello e Deputación propuxéronse o pasado ano recuperar esta cita, que xa é tradición en Sarria, e que nesta 29 edición está previsto que participen unha vintena de ganderías.
Campos Conde lembrou ademais que o Goberno da Deputación vai a poñer en funcionamento en breve o primeiro Centro de Recría de ganado vacún público de España. Recentemente organizouse unha comisión técnica que valorou as ofertas presentadas e na que saíu seleccionada unha entidade. O proceso atópase agora nun período de adxudicación inicial que se resolverá nos vindeiros meses.
A Feira de San Isidro contará cunha poxa de gando frisón organizada por AFRICOR, unha exposición e concurso de raza Rubia Galega organizada por ACRUGA, postos de artesanía e alimentación e un espectáculo ecuestre. Así mesmo, como novidade nesta 29 edición, a feira incorpora unha exhibición canina na modalidade ‘agility’ e unha demostración de aves de cetrería durante a xornada do sábado, que tamén inclúe unha degustación de chourizos e outros produtos, acompañada da música dun dúo.