A alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, e o presidente da Deputación, Darío Campos Conde, sumáronse este xoves ao acto que organizou a Plataforma ‘Lugo…Non perdas o tren’ para dar conta das súas últimas adhesións e de novos datos oficiais e obxectivos que corroboran a discriminación que sofre Lugo con respecto ás restantes provincias.
Jesús Vázquez adiantou que, ademais de Concello e Deputación de Lugo, xa son máis de 30 os municipios de todas as cores políticas que se sumaron á plataforma, así como ducias de asociacións veciñais, sindicatos, colexios profesionais e entidades como a Cámara de Comercio ou a Cel, entre outras.
“Despois de cumprírense 140 anos da chegada do tren á provincia, en Lugo seguimos co mesmo tren ou incluso peor. Pola contra, nas restantes provincias galegas teñen AVE e perspectiva de Intermodal. Lugo é a única capital de provincia que, ademais de non ter Alta Velocidade e de negarnos a intermodal, nin sequera temos conexións con Santiago, a capital de Galicia. Logo de analizar ducias de horarios de tren, observamos que Lugo ten ao día 8 saídas e 8 chegadas de tren. Pola contra, Ourense, que conta con 25.000 habitantes menos, ten 22 saídas e 39 chegadas. Pola súa banda, A Coruña ten 38 saídas diarias e 35 chegadas. Nós non temos nada”.