Concello e Deputación asinan a cesión da rúa Fermin Rivera

O Presidente da Deputación de Lugo e a Alcaldesa de Lugo asinaron a cesión ao Concello da vía provincial LU-P-2911, denominada Fermín Rivera, unha medida aprobada no Pleno provincial coa que a institución dá resposta a unha solicitude do Goberno local ao tratarse dun treito urbano con servizos urbanísticos de titularidade municipal. Esta estrada ten 730 metros de lonxitude e parte da intersección coa estrada vella de Santiago, da Ponte Vella, rematando nas proximidades da igrexa de San Lázaro.

Ambos dirixentes visitaron esta vía acompañados doutros membros das dúas corporacións.

O Presidente da Deputación enmarcou a cesión de Fermín Rivera no compromiso da Deputación de cooperar cos concellos. “Esta é a nosa función esencial, colaborar cos 67 concellos da provincia na medida das posibilidades e dos recursos da institución para que poidan ofrecer máis e mellores servizos ós seus veciños e veciñas. Por iso, cando o Concello de Lugo nos plantexou a cesión da rúa Fermín Rivera, puxémonos a traballar para facelo, tendo en conta ademais que esta vía está na malla urbana da cidade, polo tanto, ten máis sentido que sexa municipal ca provincial”.

O mandatario provincial destacou que “a cesión ten como obxectivo permitir unha xestión máis áxil para o mantemento dos servizos que alberga e para a ordenación do tráfico rodado e peonil”. Tratase dunha vía que transcorre por un treito urbano, nunha zona de interese para a veciñanza lucense ao atoparse o Club Fluvial ou a igrexa de San Lázaro, que pola súa actividade atraen un importante volume de tráfico.

Na actualidade a estrada presenta un firme asfaltado en boas condicións e conta con beirarrúas na marxe dereita e cun tramo que tamén as ten na marxe esquerda. Así mesmo, a vía conecta con estradas municipais, tanto no extremo que linda coa estrada vella de Santiago, coma no estremo que continúa pola estrada de Orbazai cara a ponte sobre o río Mera.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com