Concello e Deputación avalían a proposta municipal de trasladar a Protectora ás instalacións do antigo Matadoiro. O edil de Medio Ambiente, Álvaro Santos, avanzaba hoxe que se trata dunha posibilidade na que “levamos meses traballando, en concreto dende que xurdiu a controversia sobre a viabilidade da reforma e/ou ampliación do actual recinto que ocupa a Sociedade Protectora de Animais e Plantas, para ofrecer unha alternativa á súa localicación”.
“Así, dispuxémonos a avaliar a funcionalidade do antigo Matadoiro, sito en San Xoan de Pena, como posible ubicación para acoller a esta entidade que presta un servizo tan fundamental para a sociedade e para toda a cidade – explicou o concelleiro. De maneira que, mantendo a aportación económica da Deputación, esta actividade poida desenvolverse nun lugar máis amplo, nun contexto moito máis confortable o que permitirá, á súa vez, atender tamén a un maior número de animais e, sobre todo, en mellores condicións tanto para eles como para o persoal e os voluntarios que alí traballan”.
Santos Ramos quixo poñer de manifesto que, neste senso, “a vontade política do goberno de Lara Méndez é clara e así se lle trasladou hai meses xa á Protectora ofrecéndolle este espazo no que tivera continuidade o seu labor nunhas instalacións axeitadas ás súas necesidades e coas que, ademais, queremos poñer en valor este inmoble municipal que actualmente se atopa en desuso, pulando, ao mesmo tempo pola súa recuperación”, concluíu.