Deputación e Concello de Lugo conmemoran o Día Internacional das Persoas Maiores, que se celebra este sábado 1 de outubro, con actividades gratuítas na Praza Maior. Consistirán en obradoiros de fotografía e do proxecto Memoria Dixital, que desenvolve a TIC.
Os dous obradoiros desenvolveranse en horario de 17:00 a 19:00 horas diante da Casa Consistorial. Haberá un espazo no que todas as persoas interesadas poderán participar no programa Memoria Dixital Lugo , “un proxecto no que temos depositadas moitas ilusións porque entre todos lucenses estamos a crear un arquivo audiovisual de recordos sen precedentes na nosa provincia. Neste caso, calquera persoa interesada en contarnos os seus recordos pode achegarse ata aquí. Un equipo da TIC gravaralle o seu testemuño, que quedará recollido en www.memoriadixitallugo.es”, subliñou esta mañá o vicepresidente da Deputación, Álvaro Santos.
Ademais, haberá un taller de fotografía para os maiores que incluirá un phtocall. Segundo Santos, “os cursos e obradoiros de fotografía son, xunto aos relacionados co uso do móbil, os máis demandados polos usuarios das actividades que imparte o InLugo, tanto na súa sede en Lugo como en toda a provincia”.
Pola súa banda, a alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, manifestou o compromiso do Concello e da Deputación cos maiores, non soamente polo que representan en termos cuantitativos, máis do 20% da poboación do municipio lugués, senón tamén pola súa importancia social. A rexedora enxalzou o papel que xogan os maiores na actual situación económica, pois volven a ser o apoio de moitas familias. Hoxe o 70% dos avós coidan aos seus netos, recaendo neles a rede de protección de familias. Grazas eles poden manter o seu nivel de vida ou subsistir”.