Concello e Deputación colaboran co Ensino na Copa de baloncesto Fernando F. Allende

O Presidente da Deputación, Darío Campos Conde, acompañado pola Alcaldesa de Lugo, Lara Méndez López, o Deputado de Deportes, Pablo Rivera Capón, o Concelleiro de Deportes, Miguel Fernández Méndez, a Presidenta do Club de Baloncesto Ensino, María Teresa Latas Zavala, e o exadestrador de baloncesto, Fernando Fernández Allende, presentou a Copa Deputación Trofeo Fernando F. Allende, que terá lugar o vindeiro domingo 28 de maio no Pazo Provincial dos Deportes de Lugo e no pavillón anexo.

O Goberno da Deputación, Concello de Lugo e Club de Baloncesto Ensino, organizan este evento deportivo, totalmente gratuíto, para potenciar o baloncesto feminino, a igualdade de xénero e o deporte base. O Executivo provincial é o principal patrocinador desta cita deportiva cunha achega de 12.000 euros. Con esta axuda, asume os gastos de transporte dos quipos, ademais de ofrecer un pícnic e unhas camisetas aos participantes.

Campos Conde subliñou que “o obxectivo deste evento é reunir por primeira vez na tempada a todos os equipos da provincia de categoría infantil, alevín e benxamín. Ademais, como novidade nesta edición incluese a categoría de babybasket, polo que serán uns 500 nenos e nenas de entre 7 e 14 anos, gozando dunha xornada deportiva e de convivencia sen precedentes na tempada”.

Con esta iniciativa, “se fomenta o baloncesto base lucense e promovemos hábitos de vida saudables entre os mozos, da man dun dos clubs femininos de referencia na cidade de Lugo como é o Club Baloncesto Ensino”.

Pola súa banda, Méndez López asegurou que “o deporte é fundamental”, ao tempo que lembraba que así o ten demostrado o Concello, tanto nos distintos exercicios orzamentarios, pola partida que se destina para o mesmo, máis de 3 millóns; pola cantidade de disciplinas que se practican no municipio, e polas instalacións municipais coas que conta a veciñanza luguesa.

Así mesmo, amosou o compromiso do Goberno Local co deporte base e os valores que inculca esta práctica.

A competición renderá homenaxe a Fernando Fernández Allende, un dos pioneiros do baloncesto feminino na provincia de Lugo e promotor deste deporte entre os mozos lucenses. Ademais de ser adestrador de baloncesto, foi profesor na Facultade de Ciencias da Educación Física de A Coruña e un dos fundadores do CB Ensino.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com