Concello e Deputación conclúen os trámites para outorgar licenza ao centro de día de Raiolas

Concello e Deputación de Lugo concluíron os preceptivos trámites urbanísticos para poder outorgar licenza á asociación Raiolas para o acondicionamento do centro de día de autismo que proxecta na antiga gardería do Campus Universitario. O voceiro municipal, Miguel Fernández, informou de que a Xunta de Goberno aprobou esta mañá aceptar a cesión por parte do organismo provincial dos terreos do aparcadoiro do Campus, anexo á biblioteca Intercentros, dende a súa intersección coa rúa Pablo Iglesias, cunha superficie de 7.678,94 metros cadrados, para destino a viario público, que deberá urbanizar a Deputación. A cesión destes terreos e a urbanización foron aprobados polo Pleno da entidade provincial en marzo.

Rematada esta tramitación, que foi complexa en tanto que esixiu tamén previamente unha interpretación en Pleno e unha corrección de erros do Plan Xeral de Ordenación Municipal (PXOM), o Concello pode agora aprobar a concesión da licencia a Raiolas. De feito, ten previsto facelo na Xunta de Goberno da vindeira semana. O inmoble no que a asociación creará o primeiro centro de día da provincia para persoas con autismo foille cedido de maneira gratuíta pola Deputación, que tamén lle concedeu unha subvención de 90.000 euros para acondicionalo edificio.

Así mesmo, a Xunta de Goberno deu luz verde aos criterios selectivos para a contratación de 20 persoas desempregadas en situación ou risco de exclusión social preceptoras da Renda de Integración Social de Galicia (RISGA). En concreto, ao abeiro dunha subvención de 142.500€ da Consellería de Economía, o Concello favorecerá a inserción laboral contratando a un encargado, 3 oficiais e 16 peóns durante 7 meses a media xornada para a realización de traballos de conservación e mellora de infraestruturas e servizos municipais. No relativo a persoal, tamén se aprobaron as bases para a provisión, polo sistema de libre designación, dos postos de Tesourería Municipal e intervención xeral do Concello.

Na reunión de hoxe, o Goberno autorizou o uso dos locais das casas María Mariño e Clara Campoamor a 19 colectivos de interese social do municipio, no marco do seu apoio ao movemento asociativo. Segundo a resolución da convocatoria pública en réxime de concorrencia competitiva convocada polo Concello para a adxudicación dos locais, Adace, Capaces, Concepción Arenal, Somos, Rioplatenses, Enfermos Crónicos, Lupus, Corazóns Artesáns, Reiki e Fadas terán espazos na Casa María Mariño e Afalu, Alcer, Raiolas, Auxilia, Parkinson, Fademga, Alucem e Agafi, na Casa Clara Campoamor.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com