A alcaldesa de Lugo, Lara Méndez e o Presidente da Deputación foron os encargados de presentar, este mediodía no Pazo de San Marcos, o Plan Estratéxico de Turismo 2017-2020 para a provincia de Lugo, e o fixeron nun acto no que estiveron presentes deputados, concelleiros, representantes dos concellos da provincia e tamén dos cerca de 250 axentes que participaron na elaboración deste proxecto. O acto, que estivo presentado polo físico e comunicador Martín Barreiro, centrouse no recente incremento do turismo na Provincia e o pulo que isto supón para o emprego.
Lara Méndez destacou o traballo feito pola Deputación así como pola concelleira de Turismo de Lugo, para conseguir realizar este documento no que “os concellos tiveron un papel fundamental” e é que, segundo a alcaldesa, “aínda lle queda ao turismo en Lugo moito camiño por percorrer”.
A rexedora asegurou que tanto a cidade como a provincia teñen moitas características chamativas para os novos turistas, “xente que quere descubrir os lugares que visita e vivir experiencias”, e reiterou que “Lugo ten a impronta romana, pero tamén a gótica, a barroca; temos capacidade de ofertar o que demanda o turista, un turismo de excelencia que si temos a capacidade de dar”.
Pola súa banda, o presidente da Deputación, Darío Campos explicou as tarefas que se levaron a cabo dende o ente provincial no eido deste plan estratéxico de turismo e asegurou que o seu equipo traballa para impulsar o sector e a potencialidade que ten a Provincia como destino.
Campos Conde avanzou algunhas das 71 accións que se levarán a cabo durante este ano. “Crearemos un Consello de Turismo provincial e participativo, que dea voz aos axentes implicados nos 4 xeodestinos (Lugo-Terra Chá, A Mariña, Ribeira Sacra, e Ancares- Courel); poremos en marcha unha páxina web de turismo, na que se poderán atopar os recursos patrimoniais, naturais e culturais da provincia, así como paquetes gastronómicos, rutas de sendeirismo e escapadas, folletos descargables, recomendacións e información de interese”, explicou o Presidente.
Asemade, neste documento inclúense tamén a posta en marcha dun plan de sinalización vinculado ás novas tecnoloxías, mellorando a accesibilidade; o pulo á organización de eventos relacionados coa gastronomía; o fomento dunha rede de eventos culturais da provincia, a través da creación dunha axenda.
En canto a algún xeodestino, Darío Campos avanzou o “apoio á Ribeira Sacra como Patrimonio Mundial da UNESCO; ou, a realización dun estudo de necesidades das rutas en catamarán nesta comarca; a proposta de declaración de Ancares-Courel como Destino Turístico Starlight, un distintivo internacional que recoñece a calidade e as óptimas condicións para a observación do ceo e das estrelas”.
Campos Conde agradeceu a participación dos máis de 250 axentes que participaron na redacción dos obxectivos, das liñas de actuación e das primeiras estratexias que se levarán a cabo; e asegurou que este plan, no que o organismo provincial inviste 400.000 euros no 2017, levará consigo unha nova etapa no turismo da provincia. Asemade, o titular provincial destacou que “neste Goberno poñémonos deberes para contribuír dende esta Deputación a impulsar o turismo como un verdadeiro motor económico. E facémolo porque, aínda que non temos as competencias directas no eido turístico, apostamos polo mesmo e cremos nas súas potencialidade”.
O Presidente da Deputación concluíu facendo un chamamento á Xunta e ao Goberno Central para que colaboren neste plan Estratéxico traballando pola mellora dos accesos á Provincia. “Con todo, nós sós non podemos acadar os resultados que poderíamos ter en Lugo, unha provincia única e cunha grande riqueza. Necesitamos que, cando menos, a Xunta e o Goberno Central faciliten a chegada dos visitantes a Lugo. Porque sen estradas, sen servizos ferroviarios, sen AVE ou sen liñas de autobús, entre outras moitas cuestións, non poderemos facer de Lugo un destino turístico de referencia no país”.