A subdelegada do Goberno, Isabel Rodríguez, entregou hoxe á alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, e ao deputado provincial de Promoción Económica e Social, Pablo Rivera, outras 50.000 máscaras que facilita o Goberno aos concellos da provincia de Lugo. Remata así unha nova fase do reparto deste material sanitario que proporciona o Ministerio de Sanidade para o persoal dos servizos esenciais de concellos e entidades sociais lucenses.
Isabel Rodríguez informou de que “esta é a sétima campaña de reparto que leva a cabo o Goberno na provincia desde o comezo da pandemia, nas que levamos entregado máis de medio millón de máscaras tanto a concellos como a entidades sociais”.
A subdelegada entregoulle á alcaldesa de Lugo un lote de 15.000 máscaras e as restantes 35.000 recolleunas o deputado provincial de Promoción Económica e Social, porque a Deputación volve facerse cargo do operativo de distribución entre os concellos da provincia que teñen poboación inferior a 20.000 habitantes, tal e como acordaron o Goberno e a Federación Española de Municipios e Provincias.
A semana pasada Rodríguez fixo entrega de outras 28.000 unidades deste material de protección á Cruz Vermella, Fademga e Cáritas para a protección dos traballadores, voluntarios e persoas vulnerables ás que atenden estas entidades na provincia. A distribución de máscaras ás ONGs e as cantidades destinadas a cada unha delas é o resultado do acordo alcanzado entre cada organización e o Ministerio de Sanidade.
Desde o comezo da pandemia, o Ministerio de Sanidade repartiu na provincia de Lugo 506.500 máscaras. Os anteriores repartos fixéronse nos meses de novembro e decembro de 2020.