A alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, acompañada da subdelegada do Goberno, Isabel Rodríguez, e do xefe provincial de Tráfico, Ángel Álvarez Martínez, informaron hoxe dos novos puntos de saída para o desenvolvemento das probas de circulación para obter o permiso de conducir na cidade de Lugo, cambios que serán efectivos a partir do día 2 de marzo.
Méndez destacou que “tras estudar a petición da Dirección Xeral de Tráfico, e segundo os informes elaborados pola Policía Local, se modificarán os puntos de inicio das probas de conducir, que se desenvolverán no Paseo dos Estudantes, próximo á Escuela Superior de Arte e Deseño Ramón Falcón, e no aparcadoiro da avenida Paulo Fabio Máximo, detrás do Parque Bombeiros“.
Desde o punto de vista da organización e realización das probas, a alcaldesa sinalou que se buscaba un punto de citación mellor comunicado tanto coas vías urbanas como coas interurbanas, de acceso relativamente cómodo tanto para as autoescolas como para os funcionarios examinadores, de forma que non teñan que investir un excesivo tempo no desprazamento que mingüe a capacidade de exame.
“As colaboracións do Concello de Lugo e a Policía Local coa Dirección Xeral de Tráfico son constantes xa que compartimos a preocupación e o traballo permanentemente en prol de diminuír o número de vítimas e de accidentes de tráfico, garantir a mobilidade a través dunha adecuada xestión do tráfico e prover a xestión de todos os trámites asociados á xestión da circulación”, declarou Méndez.
A subdelegada tamén destacou a exemplar colaboración existente entre as dúas administracións e agradeceulle á alcaldesa as facilidades dadas polo Concello de Lugo para a implantación dos novos lugares de comezo dos percorridos que deberán facer, a partir do mes que vén, as persoas que realicen as probas de circulación para a obtención do permiso de conducir.
Fóra disto, Isabel Rodríguez informou de que, grazas ao traballo da DXT e da Garda Civil de Tráfico, “o ano pasado conseguimos reducir a cifra de vítimas de accidentes na provincia”. Así, o balance de vítimas en 2019 foi de 19 falecidos (17 en vías interurbanas e 2 en vías urbanas), 73 feridos hospitalizados e 561 que non precisaron hospitalización. O número total de accidentes con vítimas foi de 451. No ano anterior rexistráranse 532 accidentes, con 22 falecidos, 79 feridos hospitalizados e 697 non hospitalizados. “Así que, aínda sendo moitas, logramos baixar todas as cifras. Polo tanto, estamos no bo camiño, pero non hai que baixar a garda”, indicou Rodríguez. Polo tanto, estamos no bo camiño. Pero non hai que baixar a garda.
Pola súa parte, o xefe provincial de Tráfico explicou os detalles da modificación prevista a partir do luns día 2 de marzo, co obxectivo de mellorar as probas de comprobación de que os aspirantes están preparados para desenvolver unha condución segura nas condicións reais de circulación. Para iso establecéronse novos puntos de citación e inicio das probas e “buscamos dous lugares alonxados entre sí, entre os que alternar as citacións, co obxectivo de que a variedade de percorridos sexa a maior posible. Deste xeito, consideramos que se mellora a calidade do ensino”.
O punto de citación e inicio número 1 será no Paseo dos Estudantes e Rúa número 294, nas proximidades da Escola Superior de Arte e Deseño Ramón Falcón.
O punto de citación e inicio número 2 será no parking existente na Avenida de Paulo Fabio Máximo, detrás do Parque de Bombeiros. Este punto non se poderá utilizar nos exames que teñan lugar durante o Arde Lucus e o San Froilán. Concretamente na semana do Arde Lucus, de luns a domingo, e de mediados de setembro ata o 15 de outubro. Nesas datas, será sustituido polo párking do Pazo Provincial de Deportes, na rúa Benigno Ledo.