O delegado do Goberno en Galicia, José Miñones, destacou hoxe que a colaboración entre o Goberno do Estado e o Concello de Lugo está a situar a esta cidade na “vangarda da eficiencia enerxética” coa execución de nove proxectos por importe de 3,7 millóns de euros. O delegado, acompañado pola alcaldesa e a subdelegada do Goberno na provincia desprazouse esta mañá a Lugo para coñecer dous dos proxectos consistentes en instalacións solares fotovoltaicas destinadas á xeración eléctrica para autoconsumo na piscina das Pedreiras e de rehabilitación enerxética do centro social de Fingoi.
José Miñones explicou que “o Goberno é a administración que máis inviste en Lugo, agora mesmo estamos a mobilizar investimentos por importe de 10 millóns de euros en distintas actuacións para a transformación urbana da cidade”.
Entre as accións que se desenvolven en Lugo co apoio do Goberno estase a traballar en nove proxectos para a mellora da eficiencia enerxética de distintos edificios municipais, unha intervención para a que se mobiliza un investimento de 3,7 millóns de euros.
O delegado destacou a estreita colaboración existente entre o Goberno e o Concello de Lugo e comprometeu o apoio aos proxectos innovadores destinados a seguir transformando a cidade e preparala polo futuro. Miñones felicitou á alcaldesa polo seu liderado, que lle facilita “atraer a Lugo importantes investimentos para a modernización da cidade, pero conservando a súa gran calidade de vida e os valiosos atractivos do seu pasado romano”.
As actuacións que contan con financiamento do Ministerio de Transformación Ecolóxica e o Reto Demográfico, a través do Instituto para a Diversificación e Aforro da Enerxía (IDAE), son a mellora da eficiencia enerxética das instalacións da EDAR e a ETAP, a rehabilitación enerxética dos Centros sociais de Fingoi e da Milagrosa, e as instalacións solares fotovoltaicas destinadas a xeración eléctrica para autoconsumo no Edificio administrativo municipal, na piscina climatizada das Pedreiras, a piscina municipal de Frigsa, o edificio da Policía Local, a Escola taller de Frigsa e a Casa do Deporte.
A subvención do Ministerio é do 80% do investimento e o 20% restante corresponde ao Concello. Estas obras permitirán importantes diminucións no consumo enerxético á administración municipal, que aforrará 300.000 euros ao ano, ademais de reducir as emisións contaminantes á atmosfera.