O edil de Desenvolvemento Sostible e Persoal, Daniel Piñeiro informou hoxe aos grupos da oposición do Concello de Lugo, que xa poden consultar o expediente dos informes para continuar coa execución da sentenza da urbanización do Garañón.
Piñeiro asegura que o retraso na dación de información por parte do goberno local, veu dado pola espera dun informe de Patrimonio para confirmar se algunha sección da urbanización podería quedar sen demoler. Con esto, o edil socialista facía referencia a un vial que figura como rúa do Plan Xeral de Ordenación Municipal, e que forma parte desta urbanización.
O vindeiro luns reunirase a Comisión do Garañón para dar aos grupos municipais toda a información sobre a demolición das Torres.
“Lara Méndez marea a perdiz para non tirar o Garañón”
A voceira de Cidadáns, Olga Louzao ,afirmou esta mañá que a alcaldesa Lara Méndez “non ten intención algunha de tirar as torres do Garañón no que queda de mandato” e acusouna de estar “mareando a perdiz para dilatar a execución das sentenzas do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia que declararon ilegais as licenzas de obra e urbanización da parcela outorgadas por Orozco no ano 2008”.
Louzao explicou que a alcaldesa convocou para o vindeiro luns á Comisión municipal “coa única intención de pasarlle o morto á Xunta de Galicia”. Segundo revelou, a intención do Goberno socialista é que a Comisión adopte o acordo de “pedirlle á Dirección Xeral de Patrimonio que diga se hai que tirar os edificios ou non, na súa totalidade ou en parte, e se hai que desfacer ou non o vial que xa hai construído ao argumentar o Goberno de Lara Méndez que se trata de criterios subxectivos que debe aclarar quen emitiu informe desfavorable”.