O Concello inicia un plan para repintar 143 pasos de peóns da cidade

O Concello presentou esta mañá un plan para o repintado de máis de 143 pasos de peóns da cidade. O plan afectará ás principais rúas de Lugo e, segundo a alcaldesa, Lara Méndez, trátase dunha iniciativa que ten como obxectivo “preservar a seguridade dos peóns sobre o tráfico rodado”.

Os traballos iniciaranse o domingo á noite e prolongaranse durante 2 meses, xa que só se poderán repintar 12 pasos de peóns ao día. Comezarase polas rúas máis afastadas do feiral do San Froilán para garantir o bo desenvolvemento das festas. A pintura empregada será antideslizante para asegurar unha maior seguridade dos usuarios e haberá un técnico experto na materia durante os labores de repintado para supervisar que os traballos se realizan adecuadamente.

Ademais, o Concello anunciou que seguirán coa campaña de desbroce de distintas parcelas que xa se acometeu en ata 10 entornos da cidade. Segundo Lara Méndez, este tipo de actuacións teñen como obxectivo favorecer que a xente poida gozar da cidade, especialmente en vésperas da celebración do San Froilán.

“Trátase de rexuvenecer os pasos de peóns e un intenso desbroce da zona centro e a súa contorna para que a nosa cidade luza bonito para recibir aos milleiros de visitantes que nos van acompañar nos próximos días con motivo da festividade do San Froilán”, resumiu Méndez.

Paso en Garabolos

Sobre as protestas dos veciños de Garabolos que reclaman que se ensanche unha beirarúa da Avenida da Coruña, a alcaldesa Lara Méndez aclarou que o ancho de dita beirarrúa “é legal”, aínda que “hai vontade política” solucionar esta problemática.

Méndez aclara que se trata dunha cuestión complexa ao tratarse dun espazo que pertence a unha finca privada de varios propietarios. “A vontade política témola, pero hai que ir a un proceso expropiatorio e chegar a acordos con tres partes, porque é unha finca privada na que conflúen distintos propietarios”, resumiu.

Rúas nas que actuará o plan

O plan de repintado actuará nuns 2.293 m 2 nas seguintes rúas: Anxo López Pérez, arredores da Praza da Constitución, Cidade de Vigo, Dinán, Hermanitas, arredores da Praza de Bretaña e da Praza Mártires de Carral, San Roque, Doutor Balanzá, Ramón Montenegro, Rúa do Paxariños, Catasol, Vilalba, Rafael de Vega, Castelao, Serra de Ancares, Camiño Real, Concepción Arenal, Ourense, Betanzos, Pontevedra, Mondoñedo, Anduriñas, Doutor Gasalla, Xermán Alonso, Chantada, Deputación, Rúa do Carme, Santiago, Cidade de Viveiro, Recatelo, Cedrón del Valle, Vila de Sarria, Ribadeo, Pascual Veiga, Praza de Avilés, Rodríguez Mourelo, García Portela, Salvador de Madariaga, Irmáns Vilar Ponte, Doutor Fleming, Celso Emilio Ferreiro, Cambria, Galicia, Jacinto Calvo e Filarmónica Lucense.

 

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com