O Concello licita o contrato do guindastre municipal

O voceiro do Concello de Lugo Miguel Fernández, informou hoxe de que a Xunta de Goberno aprobou a licitación do contrato de guindastre municipal. O Executivo da así luz verde aos pregos de prescricións técnicas e de cláusulas administrativas particulares, así como ao gasto e a adxudicación por procedemento aberto do servizo de retirada, inmobilización de vehículos na vía pública e o seu desprazamento, traslado ao depósito e custodia, xestión do inventario de vehículos depositados e a súa entrega a propietarios ou persoa debidamente autorizada previo cobro da corresponden taxa municipal.

A duración do contrato é por un ano, con opción de prórroga por outro, aínda que, como figura nos pregos, estará condicionado ao resultado do expediente de municipalización incoado en cumprimento dun acordo plenario o 31 de marzo de 2016, de modo que a decisión definitiva adoptada antes da finalización do contrato que  poida supoñer un cambio no modelo de xestión na prestación deste servizo público implicará a súa resolución anticipada sen indemnización algunha para o contratista.

En canto ao prezo do contrato, fíxase en 540.675,77 € a primeira anualidade, conforme ao estudo económico realizado polo xefe do servizo municipal de Enxeñería achegado xunto cos pregos de condicións técnicas, onde se establece que para cubrir a totalidade de horas obxecto da prestación para cada un dos servizos respectando o número máximo de horas efectivas por traballador, serán necesarios 6 conductores a xornada completa, un a xornada parcial, e 5 recepcionistas. O importe preciso para cubrir os custes salariais é de 315.489,71 euros, mentres que o restante derívase do combustible, mantemento, reparacións e programas informáticos, entre outros conceptos.

Segundo os pregos, o servizo disporá dun guindastre as 24 horas do día, os 365 días do ano, e doutro con horario de 9:00 a 14:00 e de 16:00 a 21:00, excepto os días das festas de San Froilán e Arde Lvcvs, e 15 días ao ano a maiores (para as ocasións nas que se considere preciso o reforzo), nos que tamén estará as 24 horas.

O Concello publicará anuncios de licitación do contrato no Diario Oficial da Unión Europea, no Boletín Oficial do Estado e no Boletín Oficial da Provincia, así como no perfil do contratante (www.lugo.gal). Tendo en conta que os anuncios se prepararán e enviarán por medios electrónicos e que se ofrecerá acceso por medios electrónicos aos pregos e á documentación complementaria, de conformidade co establecido na Lei de Contratos do Sector Público, o prazo de presentación de proposicións será de 40 días naturais, contados dende a data do envío do anuncio do contrato á Comisión Europea.

Os criterios de valoración establecidos nos pregos son: oferta económica, instalación do depósito (distancia quilométrica medida sobre plano en liña recta dende calquera punto da Ronda da Muralla ata as instalacións do depósito e superficie das instalacións); servizo de grúa 24 horas para atender acontecementos excepcionais (avaliarase a oferta de máis días a maiores dos mínimos de 30 días de funcionamento as 24 horas de dúas grúas esixidos nos pregos técnicos); melloras nas condicións salariais (incremento das retribucións do salario base); planificación do servizo; acondicionamento das instalacións (características do revestimento do solo e sistemas de vixilancia das instalacións); calidade no emprego (melloras salariais e das condicións laborais); e plan de formación

Por outra banda, a Xunta de Goberno aprobou a prórroga por un ano dos contratos de responsabilidade civil patrimonial coa firma Zurich e de vehículos e maquinaria do Concello con Helvetia. O importe total é de 216.700€. Así mesmo, aprobou a licitación dos contratos de subministro de productos de alimentación por 41.261 euros e de productos de limpeza por 3.781 euros para o Fogar do Transeúnte por un período dun ano, prorrogable por outro.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com