Xa se respira ambiente festivo no centro de Lugo, tras a apertura, a pasada fin de semana, do recinto feiral e as casetas do polbo. O San Froilán modifica a rutina non só dos lucenses, senón tamén a da propia cidade, obrigando aos traballadores a cambiar as rutas do traballo a casa ou cambiando os horarios dos museos e a Oficina de Turismo. Así o Concello de Lugo anunciou esta mañá que, do 4 ao 15 de outubro modificarán os horarios:
A Oficina Municipal de Turismo terá horarios diferentes ao longo dos distintos días, así de luns a mércores estará aberta de 11 a 14 horas e de 16.30 a 22.00 horas; mentras que, de xoves a domingo, a oficina estará aberta en horario ininterrompido de 11.00 a 19.30 horas.
En canto aos museos, a Casa dos Mosaicos, a Domus do Mitreo, a Sala de Exposicións Porta Miñá e o Centro Arqueolóxico de San Roque abrirán todos co mesmo horario, de xoves a sábado de 11.30 a 13.30 horas e de 17.00 a 19.00 horas e os domingos de 11.30 a 13.30 horas e de 17.00 a 19.00. Pola súa banda, o MIHL, permanecerá pechado só os luns; de martes a sábado o seu horario será partido de 11.00 a 13.30 e de 17.00 a 19.00 horas e, os domingos, só de tarde de 17.00 a 20.00 horas.
Por último, o goberno local informou tamén que co gallo das festas o Concello abrirá unha caseta informativa das festas en horario de 17.00 a 22.00 horas o día 4 de outubro. Os días grandes, nos que se espera mais afluencia de xente; é dicir, 5, 7, 8 e 12, estará aberta de 12.00 a 14.30 e de 16.30 a 22.00 horas. Finalmente, o resto de días de festa, 6,9,10 e 11, a caseta informativa abrirá de 12.00 a 14.00 horas e de 17.00 a 22.00.