A Concelleira de Cultura, Turismo, Xuventude e Promoción da Lingua, Carmen Basadre, vén de presentar, esta mañá, a nova programación posta en marcha polo Concello de Lugo para promover a mocidade activa. Trátase de alternativas de lecer, para mozos e mozas de 14 a 35 anos, que se desenvolverán dende o 29 de xaneiro ao 9 de xuño na Casa da
Xuventude.
Entre as actividades programadas polo Concello figuran, como novidade, a de aprender idiomas e coñecer novas culturas a través de conversas, o Boot Camp, unha disciplina deportiva que se fundamenta nas prácticas de base dos entrenamentos militares, solicitada por anteriores persoas participantes; ou un curso de sublimación. O Concello tamén mantén actividades de gran participación en edicións anteriores, como a preparación do first e first intensivo, pilates, zumba, ioga, baile latino ou capoeira.
A cociña volve ter oco nesta programación, con alternativas como cociña de culler, cociñando culturas ou repostería. Un curso de monitor de tempo libre e un taller de educación afectivo-sexual para a prevención da infección por VIH completan esta programación para os primeiros seis meses do ano.
As persoas interesadas poden inscribirse xa na Casa da Xuventude. O prazo de inscrición, que é diferente para cada actividade, pode consultarse en www.lugo.gal, no 010 ou na propia Casa da Xuventude.
Ruteando
Asemade, de febreiro a maio, o Concello tamén ofrecerá aos mozos e mozas a posibilidade de realizar distintas rutas, que se farán cun mínimo de 12 persoas. As andainas escollidas serán a da Costa do Vicedo, pola costa, dende a praia de Area Grande ata a praia do Vidreiro; a do Canón do Río Mao, dende a fábrica da luz; a do Ouro-Camiño Real, dende Margaride, en Quiroga; e a Quinta da Cancelada, pola Serra dos Ancares. A lonxitude das rutas varía dende os 11 aos 25 quilómetros.
Para o 3 de febreiro está prevista unha viaxe á neve a Leitariegos. A saída é ás 07:00 horas da Casa da Xuventude e a chegada ás 22:00 horas. Hai un total de 22 prazas, para mozos e mozas de 18 a 35 anos, que se cubrirán por orde de inscrición, que se fará no 010.
Entre as actividades máis tradicionais desta programación destacan as celebradas na Casa da Música, onde terá lugar un curso de iniciación Dj Dixital, de iniciación de Rekordbox e de técnicas de gravación. Será a partir do 20 de febreiro e ao longo de marzo e abril.
E seguindo con actividades de escea, para o xoves 8 de febreiro, o Concello ten programado a representación de Solo, no
Vello Cárcere, a partir das 20:30 horas. Trátase duha obra chea de sentimentos, confesións, engaños e bágoas, pero sobre, todo chea de amor, representanda pola Asociación Cultural Sólo Teatro de Ourense. A entrada é libre ata completar aforo.
Un mes despois, o 8 de marzo, o Auditorio Municipal Gustavo Freire acollerá a obra I, a cargo da Compañía Señora Supina. O prezo é de 3 euros e as entradas poderán adquirirse a través de www.entradaslugo.es ou no propio auditorio unha hora antes do comezo do espectáculo.
Carmen Basadre aproveitou a presentación desta programación para lembrar os horarios das asesorías xuvenís xurídica e psicolóxica que o Concello ten en marcha no terceiro andar do Centro de Convivencia Uxío Novoneyra. A xurídica funcionará os luns e mércores, de 19:30 a 21:00 horas, e a psicolóxica, os martes e venres, de 18:00 a 20:00 horas. Así mesmo, a edil recordou a programación que ten lugar nas Casas das Linguas e o servizo que que presenta a entidade local dende Prevención de Drogas.