O Concello vén de publicar hoxe as listas provisionais de solicitantes das bolsas para a adquisición de material escolar e didáctico para alumnos e alumnas de educación infantil para o curso escolar 2017-2018, que, como cada ano, concede a entidade local. Trátase dunhas axudas para as que o Goberno destina 36.500 co obxectivo de colaborar na mellora da calidade educativa e na igualdade de oportunidades de todos os nenos e nenas do municipio.
Todos os interesados e interesadas poden consultar ditas listas no taboleiro de edictos das oficinas municipais e na área de educación, no terceiro andar do Centro de Convivencia Uxío Novoneyra. Tamén poderán consultar se a bolsa lles foi concedida a través do teléfono de atención cidadá 010.
O Concello recibiu unhas 629 solicitudes para estas axudas, que consisten nun vale desconto por un importe de 100 euros con destino á compra de libros ou material escolar nas librerías da cidade. Nesta convocatoria o Goberno incrementou a contía individual, pasando dun importe de 80 euros aos 100 euros, dándose cumprimento ademais a un acordo plenario.
Das solicitudes presentadas, foron aprobadas de xeito provisional, 365. Hai un prazo de 10 días naturais para as alegacións, do 23 de novembro ao 7 de decembro, que se deberán presentar na área de Educación. Posteriormente publicaranse as listas definitivas, e presentadas as certificacións, os beneficiarios das axudas recibirán o seu vale canxeable por material educativo.