O Concello saca a licitación as accións do Lugo Smart City

O Concello de Lugo vén de sacar a licitación as accións a desenvolver dentro do Lugo Smart City, o programa municipal para mellorar a eficiencia enerxética e aproveitamento das novas tecnoloxías que conseguiu o Concello de Lugo grazas a Fondos FEDER da Unión Europea. O importe do contrato é de 3.150.000 euros, e as empresas interesadas poderán presentar ofertas ata o vindeiro 9 de abril. A valoración das mesmas concluirá no mes de xuño, para que se poda comezar a executar  o proxecto a finais do verán.

Así o anunciou o voceiro municipal, Miguel Fernández, esta mañá, e asegurou que os detalles da licitación e dos propios pregos de contratación están colgados dende onte á tarde no Perfil do Contratante de Red.es, plataforma dependente do Ministerio de Enerxía, Turismo e Axenda Dixital.

Entre outras actuacións, o Lugo Smart City leva consigo a implantación completa e integral da Administración Electrónica no Concello así como a posta en marcha dunha plataforma de xestión intelixente das infraestruturas locais e a ampliación dos servizos da Tarxeta Cidadá coa que se poderá, ademáis, realizar o pago de taxas ou autentificarse na Administración Electrónica.

En canto a servizos, esta programación trae consigo a xestión intelixente do aparcamento na cidade coa instalación dunha rede de sensores inalámbricos que detectarán o peso dun vehículo, o que indicará se existe ou non unha praza libre e, a través dunha App, guiará ao usuario ata a praza baleira máis próxima.

Outra xestión municipal que mellorará o Lugo Smart City é a recollida de lixo coa instalación de sensores de almacenamento conectados vía GPRS ou 3G nos colectores, principalmente para os do rural, cun software central, o que indicará se é necesario ou non pasar a recoller o lixo, co que se aforrará neste servizo, posto que se paga por desprazamento e tonelada recollida.

Asemade, se implantarán medidas de eficiencia enerxética en 6 dependencias municipais: Concello, Seminario, piscinas das Pedreiras e Frigsa, CEI-NODUS e Centro Social Uxío Novoneyra ; que se complementarán cunha xestión eficiente do alumeado público con regulación de fluxo lumínico así como coa xestión dos colectores de auga a través da lectura e supervisión a través de GPRS ou 3G.

Coa licitación do programa Smart City, “que supoñerá un impulso decisivo para converter Lugo nunha cidade intelixente, avanzamos na posta en marcha dos proxectos europeos que conseguimos dende o Goberno, proxectos que suman un investimento de 22 millóns de euros, dos cales nos Orzamentos deste ano van contemplados 9,2 millóns”, concluiu o voceiro municipal.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com