Concello e Xunta asinan o convenio para equipar o auditorio

A alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, xunto coa Conselleira de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio, Beatriz Mato, asinaron este mediodía o convenio entre Xunta e Concello para equipar o novo auditorio. No acto estiveron presentes tamén distintos membros da corporación municipal e da Xunta.

A Conselleira foi a primeira en tomar o turno de palabra para gabar o esforzo do ente autonómico á hora de impulsar esta obra que, dixo, “se integrará na cidade e servirá para dar resposta a un compromiso da Xunta cos lucenses”. Beatriz Mato lembrou que en virtude desta colaboración, a Xunta adiantará o orzamento, mentres que o Concello exime á  administración galega do pago do IBI de cinco centros sanitarios de titularidade pública autonómica: Hospital Universitario Lucus Augusti, Residencia das Gándaras, Centro Curros Enríquez, Centro Rúa Fontelo e Centro Fontiñas.

Asemade, a Conselleira, destacou que o auditorio supuxo a obra máis importante -desde o punto de vista económico- do Plan Hurbe cun investimento de 20 millóns de euros. A conselleira de Medio Ambiente incidiu en que “hoxe se da un paso importante tras meses de negociación que permitirán que este novo inmoble quede excelentemente dotado, cunha
sala para 900 persoas que contará con infraestrutura e maquinaria escénica, sistemas de iluminación e o equipamento necesario para a celebración de congresos”. Ademais, Mato explicou que tamén habilitarán unha segunda sala, con capacidade para 300 persoas, que se destinará á proxección de cinema dixital e, por último, adecuaranse seis salas de reunión para a celebración de congresos.

Pola súa banda, Lara Méndez asegurou que o día de hoxe “é un día satisfactorio porque se pode ver como a cidade avanza”. A rexedora, respondeu ás críticas vertidas últimamente pola oposición e asegurou que hoxe queda “desbloqueado” -palabra que usaron en numerosas ocasións diversos voceiros de partidos en referencia ao auditorio-, un tema que “parecía imposible de desbloquear”. Méndez congratulouse de que o Concello e, polo tanto, os veciños só teñan que poñer unha mínima parte dos cartos que costa este equipamento. “É certo que os veciños da cidade aportaremos 3,7 millóns que a Xunta adianta, pero dun orzamento de 90 millóns; e moitos deles se revirten en servizo sociais”.

O seguinte paso para continuar avanzando nesta equipación tócalle á corporación municipal quen terá que decidir, en Pleno, se é posible ou non a exención do IBI á Xunta. O Goberno prevé someter á aprobación da Corporación a preceptiva modificación da ordenanza fiscal número 203 (Reguladora do Imposto sobre os Bens Inmobles) no vindeiro Pleno ordinario de outubro. De feito, a Concelleira de Economía, Emprego e Desenvolvemento Económico, Ana Prieto,
convocou para este venres a mesa de traballo das ordenanzas municipais, na que participan todos os grupos políticos.

O que non é tan seguro é se o terá tan sinxelo o Concello de Lugo como cre para aprobar en Pleno esta exención. Se hai uns días era a voceira de Cidadáns, Olga Louzao, quen cualificaba este trato de “ruinoso para Lugo”, hoxe eran a voceira de Lugonovo, Cristina Pérez Herráiz quen tildaba o convenio de “pésimo” e a edil do BNG-AA, Maite Ferreiro, quen xa adiantaba que o seu partido votará en contra desta modificación na mesa de Traballo.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com